Inicio Carballo ao día Hemeroteca Instalada no Parque Rego da Balsa unha nova...

Instalada no Parque Rego da Balsa unha nova carriola adaptada para substituír á que foi roubada o mes pasado

A empresa encargada do mantemento das zonas verdes, Dixardín, fíxose cargo do custe e a Brigada Municipal de Obras realizou a instalación

Xoves 28 de novembro do 2019 Carballo ao día

Operarios da Brigada Municipal, rematando de colocar a carriola

Operarios da Brigada Municipal, rematando de colocar a carriola

Pouco antes da unha da tarde quedou instalada no Parque Rego da Balsa unha nova carriola adaptada, que vén substituír á que fora roubada fai un mes. A empresa concesionaria do servizo de mantemento das zonas verdes municipais fíxose cargo do custe do xogo, e operarios da Brigada Municipal de Obras encargáronse de colocalo no seu lugar.

Dixardín, un centro especial de emprego que ten un 80% de traballadores con algún tipo de discapacidade, quere amosar deste xeito o seu compromiso social, xa que comparte do Concello de Carballo a necesidade de adaptar os espazos infantís ás diferentes necesidades dos nenos e nenas e a fomentar o xogo como peza fundamental no seu desenvolvemento.

O novo xogo, xa listo para ser utilizado

O novo xogo, xa listo para ser utilizado

No noso concello existen na actualidade máis de corenta parques infantís, todos eles certificados e sometidos a revisións periódicas para mantelos nas mellores condicións debido ao elevadísimo nivel de uso que teñen. En breve contaremos cun espazo de xogos máis, en concreto na parroquia de Artes.

Ademais de habilitar novos parques infantís en todo o territorio municipal, nos últimos anos tamén fomos introducindo xogos adaptados non só no Rego da Balsa, senón tamén no da praza Eduardo Pondal, e pretendemos continuar mellorando e adaptando os xogos infantís aos gustos e ás diferentes necesidades da cativada.

Compartir: