Inicio Carballo ao día Hemeroteca En marcha o estudo que definirá os novos...

En marcha o estudo que definirá os novos usos do Mercado Municipal de Carballo de cara ás próximas concesións

As autorizacións para a explotación da maioría dos postos rematarán en febreiro do ano que vén

Mércores 27 de novembro do 2019 Carballo ao día

Vista do edificio do mercado dende a rúa Gran Vía

Vista do edificio do mercado dende a rúa Gran Vía

A Concellaría de Feiras e Mercados está a traballar no estudo de usos do Mercado Municipal. En febreiro do ano que vén rematarán a maioría das concesións actuais, e dende o departamento que dirixe Juan Seoane existe a determinación de revitalizar a tradicional praza de abastos de acordo coas demandas da sociedade actual. Con esa finalidade solicitouse unha subvención á Xunta de Galicia dentro da convocatoria de axudas para o impulso dunha rede de mercados excelentes na nosa comunidade. A Consellería de Economía, Emprego e Industria concedeu ao Concello de Carballo unha achega de 7.623 euros, que supón a metade do custo do traballo que está a levar a cabo unha empresa especializada en mercados.

O obxectivo do estudo, que está en marcha nestes momentos, é realizar unha diagnose da situación actual do Mercado Municipal e establecer unha proposta de usos que contribúan á súa revitalización. As prazas de abastos, de feito, naceron coa finalidade de garantir as condicións hixiénico-sanitarias da venda de produtos en fresco, un aspecto superado hoxe en día. Os modelos de vida actuais abocan aos mercados a ocupar unha situación residual na maioría das localidades, pero no Concello de Carballo apostamos pola nosa praza, primeiro coa reforma integral que impulsamos hai 10 anos, e agora, tratando de encontrar un modelo axeitado ás necesidades da sociedade actual.

O mercado ten unha ocupación do 50%

O mercado ten unha ocupación do 50%

Nestes momentos o Mercado Municipal ten unha ocupación do 50% (4 carnizarías, 6 peixarías, 1 froitería, 3 panadarías, 1 florería, 1 bar, 1 queixería e 2 tendas non alimentarias) e unha oferta baseada na calidade e nos produtos de proximidade, dúas características que xogan ao noso favor xunto coas feiras e mercados dos xoves e domingos, que son, sen dúbida, o motor da actividade comercial da praza de abastos.

Unha vez rematado o estudo, é intención da Concellaría de Feiras e Mercado poñelo en común co sector para tratar de establecer o modelo máis axeitado para Carballo.

Compartir: