Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Xunta de Goberno Local pon en marcha o...

A Xunta de Goberno Local pon en marcha o procedemento de contratación de obras na zona rural por 1,3 millóns de euros

Na sesión de hoxe foron aprobadas 13 licenzas urbanísticas e facturas por 23.367 euros

Luns 18 de novembro do 2019 Carballo ao día

Unha das obras previstas é a prolongación da rede de auga dende Santa María de Ardaña ata A Canosa-Rus

Unha das obras previstas é a prolongación da rede de auga dende Santa María de Ardaña ata A Canosa-Rus

O Concello de Carballo investirá en breve os 1,3 millóns de euros de superávit resultante da liquidación do orzamento do ano 2018. A Xunta de Goberno Local aprobou hoxe o inicio dos expedientes de contratación relativos aos seis proxectos de obras que se levarán a cabo, todos eles enfocados á mellora dos servizos na zona rural segundo as peticións recollidas nos consellos parroquiais.

Estas son as actuacións previstas:

  • Mellora da capa de rodadura da vía de Xamozo (Artes) a Santa María (Ardaña) con aglomerado: 245.748,87 euros
  • Mellora da capa de rodadura da vía de Paradela a Prearada (Sofán) con aglomerado: 232.369,84 euros
  • Conservación e mellora de pavimentos en varios lugares de Rus, Artes e Oza: 315.474,89 euros. Neste caso trátase de acondicionar con cemento a parte frontal da igrexa de Rus tras a retirada dos postes polo soterramento do cableado, para “darlle realce e prestixio como merece a igrexa”, sinalou o alcalde. En Artes atenderase a petición do consello parroquial de pavimentar con cemento a pista de acceso ao renovado centro social, e en Oza, atendendo outra petición vecinal, pavimentarase o campo da festa con cemento e con cespeado portante para a zona de estacionamento.
  • Rede de abastecemento de auga dende Santa María de Ardaña ata Canosa (Rus): 323.203,69 euros
  • Rede de saneamento na parroquia de Artes: lugares de Altiboa, Vilarvello, O Alto, Vilanova e Baltar: 199.884,67 euros

Por outra banda, a Xunta de Goberno Local aprobou hoxe o pago de facturas por importe de 23.367,30 euros e un total de 13 licenzas urbanísticas, seis delas para construción ou ampliación de vivendas unifamiliares. 

Tamén se deu conta do resumo de ingresos da recadación municipal correspondentes ao trimestre xullo-setembro, que acada os 198.055,35 euros de caixa municipal e os 95.280,31 da recadación municipal.

Así mesmo, fóra da orde do día deuse conta da sinatura dun convenio entre o Concello de Carballo, a Fundación Galicia Obra Social e Abanca Corporación Bancaria para a realización da exposición “Unha mirada de antano. Fotografías de Ruth Matilda Anderson en Galicia”.

Compartir: