Inicio Carballo ao día Hemeroteca A exposición ‘Mindjer di Guiné’...

A exposición ‘Mindjer di Guiné’ revela na Biblioteca Rego da Balsa a vida cotiá da comunidade de Carantaba a través das imaxes das súas mulleres

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, do que é socio o Concello de Carballo, financiou esta iniciativa da ONGD Asemblea de Cooperación pola Paz

Venres 15 de novembro do 2019 Carballo ao día

A ONGD Asemblea de Cooperación pola Paz e mais o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, do que forma parte o Concello de Carballo, facilitáronlles o abastecemento de auga aos 1.824 habitantes da localidade de Carantaba, no norte de Guinea-Bissau. O proxecto incorporaba un obradoiro de introdución á fotografía para as veciñas cuxo resultado pode verse na exposición ‘Mindjer di Guiné’, que se amosará na biblioteca Rego da Balsa ata o 29 de novembro, dentro dos actos do programa "Para a cadea! Move ficha contra a violencia de xénero". O horario de apertura é de luns a venres de 10.30 a 20.30 e os sábados ata as 13 horas.

A mostra reúne vinte instantáneas realizadas polas dezaseis participantes na formación, impartida polo fotoxornalista Sylvain Cherkaoui. As imaxes poñen en valor a interpretación que elas fan do mundo, da súa comunidade e da cooperación internacional. Cámara en man, as autoras captaron desde situacións cotiás ata a repercusión que os proxectos de desenvolvemento teñen nas súas vidas. Deste xeito, as fotografías permiten empatizar coa realidade do país lusófono desde o punto de vista da súa poboación, que loita por seguir avanzando en condicións moitas veces pouco favorables.

A través da súa convocatoria de axudas para ONGD, o Fondo Galego achegou 50.000 euros ao proxecto formulado por ACPP, que permitiu garantir o dereito humano á auga da poboación de Carantaba mediante a rehabilitación dun pozo con sistema de bombeo electrosolar, a construción de dous depósitos de altura e a instalación dunha rede de distribución cuns 1.000 metros de canalizacións. Ademais, dispuxéronse catro fontes públicas e dúas tomas domiciliarias, unha na escola e outra na residencia do profesorado.

A actuación levou aparellada unha campaña de sensibilización sobre prácticas hixiénicas que se estendeu non só á localidade de Carantaba, senón tamén ás comunidades de Santa Curtiba e Santa Nie, chegando a preto de 3.000 persoas. O correcto transporte, almacenaxe e tratamento da auga, canda a hixiene persoal, doméstica e alimentaria, foron algúns dos contidos abordados a través de visitas porta a porta, demostracións prácticas, charlas comunitarias ou distribución de carteis. Preténdese así promover un uso racional e reducir a incidencia de enfermidades directamente relacionadas con estes procesos, como a malaria ou a diarrea.

O proxecto, executado canda a Associação de Jovens para a Cooperação Transfronteiriça, inclúe unha importante compoñente de xénero. Non só polo enfoque do obradoiro fotográfico senón tamén polo feito de que as mulleres son tradicionalmente as encargadas de procurar a auga para o fogar, de xeito que agora poderán dedicar máis tempo a outras cuestións, como a formación ou a participación comunitaria. Neste senso, a maior parte das integrantes do novo Comité de Xestión de Auga e Hixiene de Carantaba son mulleres, que ademais recibiron unha capacitación específica ao respecto. De feito, durante todo o proceso se contou coa participación activa da comunidade, desde a identificación das necesidades ata a elaboración do plan de xestión da auga e do saneamento.

Compartir: