Inicio Carballo ao día Hemeroteca Aspaber lidera un proxecto europeo para que se...

PROXECTO ACADAS

Aspaber lidera un proxecto europeo para que se recoñeza a formación do alumnado con discapacidade ao longo da súa escolarización

Representantes dos países socios foron recibidos polo alcalde e presentaron a iniciativa no Concello de Carballo

Xoves 14 de novembro do 2019 Carballo ao día

Os participantes na recepción na Casa do Concello

Os participantes na recepción na Casa do Concello

A Asociación Aspaber presentou hoxe no Concello de Carballo o programa ACADAS, un proxecto europeo Erasmus+ no que tamén participan as entidades Necmettin Erbakan Üniversitesi de Turquía, European Laboratory on Training Education and Citizenship de Italia, St Ita's Special School de Irlanda, Centre of Education and Rehabilition for the Blind de Grecia e Pro Mente Croatia de Croacia. Todas elas estiveron representadas na recepción oficial ofrecida polo alcalde, Evencio Ferrero, e deixaron constancia do seu paso polo noso concello nas dúas páxinas máis políglotas do Libro de Honra.

A directora de Aspaber, Dolores Fernández, explicou que “actualmente as persoas con discapacidade non soen ter unha titulación académica porque o sistema dálles adaptacións curriculares que permiten a súa escolarización pero non que saquen un título”. Aspaber quere cambiar esa realidade, e entenderon que o mellor sería un proxecto europeo que permitise analizar as diferentes realidades do continente presentar, no prazo de dous anos que durará o proxecto, unha boa práctica que axude á EU e a todos os estados membros a tomar decisións a prol de que se recoñeza de algún xeito o conseguido polos alumnos e alumnas con discapacidade ao longo da súa escolarización, independentemente de se chegan a titular ou non.

Dolores Fernández, asinando no Libro de Honra

Dolores Fernández, asinando no Libro de Honra

Dolores Fernández explicou que o significado de ACADAS axústase á perfección ao espírito do proxecto: “Analizar como unha persoa acada a capacitación para facer algo, que cada alumno ou alumna poida contar coa súa mochila cargada de capacidades”. O obxectivo non é doado, e por iso a directora de Aspaber cualificou a xornada de hoxe como “histórica”.

O alcalde, pola súa banda, destacou o compromiso do Concello de Carballo coa incorporación das persoas con discapacidade á vida cotiá e laboral, e desexou aos participantes “unha estancia grata e frutífera que vos permita levar a mellor das experiencias”.

Compartir: