Inicio Carballo ao día Hemeroteca Alberte Blanco coñece a realidade e...

MEDIO RURAL

Alberte Blanco coñece a realidade e necesidades do sector forestal

Xoves 13 de xullo do 2006

Alberte Blanco manifestou no acto que tivo lugar na Casa do Concello que "a visita serve para coñecer a situación das comarcas forestais e tomar nota das necesidades e liñas de actuación a crear nun futuro". O director xeral de Montes e Industrias Forestais referiuse, igualmente, á "necesidade de incidir na prevención dos incendios forestais, e non na extinción", ademais de incidir en que "temos moita cantidade de madeira pero pouca calidade. É necesario o suministro de madeira compatible coa introdución doutros modelos forestais e que a diversificación sirva para xerar riqueza. Ese é o gran reto da política forestal. Xa hai experiencias importantes para, a partir das especies forestais que temos neste momento, facer unha utilización distinta con madeira de segunda e terceira transformación". Alberte Blanco fixo tamén fincapé nun "programa de aproveitamento da biomasa para darlle outros usos como composto". O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, espera que esta visita "sirva para marcar o compromiso da Consellería de Medío Rural coa actividade forestal, símbolo de riqueza e prioritaria na actividade económica do noso país. É unha honra que persoas con responsabilidade na Xunta de Galicia coñezan a realidade dos nosos sectores, como hoxe o forestal, tan importantes para deseñar o país do futuro".
A visita de Alberte Branco a Carballo ten continuidade pola tarde, xa que ten previsto achegarse ás instalacións da Industria do Taboleiro UNENSA e á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Carballo e Malpica, nos lugares de Razo, Cances e Leiloio.

Compartir: