Inicio Carballo ao día Hemeroteca João Afonso presenta en Carballo o seu...

CULTURA

João Afonso presenta en Carballo o seu disco ‘Outra vida’

Xoves 13 de xullo do 2006

João Afonso cultivou desde moi cedo o seu gusto por cantar, e colleu influencias tanto da música urbana africana como da música popular portuguesa, esta a través do seu tío Zeca Afonso. Unha das herdanzas do seu tío foi o seu amor por Galicia, o que sempre lle fai dicir que a nosa terra é unha das súas patrias. Naceu en Mozambique e leva vivindo en Portugal desde 1978. En 2005 comeza a preparar o seu cuarto disco e recentemente, en marzo deste mesmo ano, edítase Outra vida, disco que presentará durante o verán polas vilas galegas. João Afonso tivo ao seu carón como produtor, director musical e responsable dos arranxos ao pianista João Lucas.

O subdirector da Oficina Principal de Caixa Galicia en Carballo, Guillermo Mato, manifestou no acto de presentación que "Caixa Galicia leva cinco anos achegando á maior parte dos concellos galegos actuacións de renome co programa As Nosas Músicas. A Fundación estase a volcar con este asunto e nós seguimos a manter unha colaboración co Concello de Carballo nestes actos culturais e musicais". O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, engadiu que "para o Concello é unha honra e satisfacción seguir sendo sede do circuíto As Nosas Músicas, e máis con actuacións como a de João Afonso, que nun primeiro momento foi coñecido por ser sobriño de Zeca Afonso, pero que na actualidade convertiuse nun dos grandes valores do país irmán. Trátase dunha actuación de primeirísimo nivel que lle dá valor ao programa do Verán Cultural".

Compartir: