A Costa da Morte supera a primeira fase para a declaración de Reserva Mundial de Surf
O concelleiro carballés e vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, anunciou a boa nova en Razo
Venres 12 de xullo do 2019 Carballo ao día
A candidatura do xeodestino Costa da Morte como 'World Surfing Reserve' avanza coa superación da primeira fase do proceso selectivo que desenvolve a ONG Save the Waves Coalition. Así o anunciou hoxe en Razo o concelleiro e deputado provincial de Turismo, ademais de vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, que transmitiu a satisfacción do grupo promotor ao considerar que a proposta está agora moito máis preto de conseguir a declaración como Reserva Mundial do Surf. No acto participaron os alcaldes de Carballo e A Laracha, Evencio Ferrero e José Manuel López Varela.
A praia de Razo, un dos espazos de referencia do surf na Costa da Morte e centro do proxecto, foi o lugar elixido para dar unha noticia de especial impacto no camiño da declaración do xeodestino como Reserva Mundial do Surf. "Cumpríronse as mellores previsións", destacou o vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, na intervención na que deu conta da resolución de "Save the Waves Coallition" de estimar a candidatura da Costa da Morte superando a primeira das fases do proceso para o seu recoñecemento.
"Este acontecemento, que é unha extraordinaria e case inesperada noticia na primeira vez que se presenta a candidatura, é resultado do traballo colectivo entre o sector e as administracións", dixo Xosé Regueira
"Este acontecemento, que é unha extraordinaria e case inesperada noticia na primeira vez que se presenta a candidatura, é resultado do traballo colectivo entre o sector e as administracións e grazas a esa implicación conseguimos superar o primeiro corte e demostrar que cumprimos os requisitos para que a nosa opción sexa tida en conta", explicou Xosé Regueira dunha noticia que abre un novo periodo de traballo que concluirá coa presentación da candidatura final antes de fin de ano.
![Surfeando en Razo (foto de Oti Fernández) Surfeando en Razo (foto de Oti Fernández)](media/../media/img/151CAMP_15.jpg)
Surfeando en Razo (foto de Oti Fernández)
Na rolda de prensa na propia praia de Razo, o vicepresidente da Deputación anunciou tamén a intención de declarar a Costa da Morte como Reserva Local de Surf como mecanismo para preservar as ondas, sumar alianzas do tecido social e demostrar a sensibilización coa conservación do medio e o crecemento sostíbel. Á beira da sede da escola de surf máis antiga do Estado pertencente a un sector que está a gañar forzas no territorio, con areais identificados e recoñecidos pola xente do surf nos que o mar responde con ondas que fan óptimo para o deporte todos os días do ano, Xosé Regueira destacou as fortalezas da Costa da Morte nesta carreira que comeza agora e que, segundo anunciou, continuará co obxectivo de conseguir a declaración oficial.
Impulso da Deputación
A Deputación da Coruña impulsou a creación do grupo promotor do proxecto no que participan representantes de diversos organismos e entidades do sector. O recoñecemento ten como obxectivos sentar as bases para lograr o impulso do surf na Costa da Morte a través da protección e posta en valor das ondas e avanzar no artellamento dun modelo de desenvolvemento sostible arredor do surf. De conseguir a Declaración, Costa da Morte pasaría a ser a Reserva Mundial de Surf número doce do mundo, sendo a demais a primeira do Estado español, e a segunda de Europa.
Imaxe da primeira xuntanza do grupo promotor, celebrada no Fórum Carballo
A primeira fase do proxecto finaliza así felizmente ao superar a barreira que establece "Save the Waves" e que sitúa á Costa da Morte moito máis cerca de ser considerada Reserva Mundial de Surf. A declaración supón importantes beneficios para os territorios tanto na atracción de turismo como na sostibilidade da zona. "Save the Waves" estimou a Carta de Candidatura de Costa da Morte como Reserva Mundial de Surf que presentaba as fortalezas da Costa da Morte nos catro bloques de contidos establecidos: a calidade e consistencia das ondas, a cultura e historia do surf no territorio, as características ambientais únicas do medio e o apoio local á candidatura, para o cal se ten constituído o Grupo Promotor, que integra representantes de organismos públicos e grupos de interese sectoriais.
O documento agora avalado por "Save the Waves" é o resultado dun ambicioso traballo que se desenvolveu durante meses no que se presentaban os principais valores do territorio e o apoio local á declaración. A candidatura busca impulsar a práctica do surf na Costa da Morte, a través da protección e posta en valor das ondas ademais de avanzar nun modelo de desenvolvemento sostible arredor do surf. Coa declaración, a Costa da Morte convertiríase na segunda Reserva Mundial de Surf declarada en Europa, tras da portuguesa Ericeira, e na doceava a nivel mundial.