Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello de Carballo impulsa o turismo...

“COÑECELA PARA QUERELA”, LEMA DA INICIATIVA

O Concello de Carballo impulsa o turismo sustentable a través do proxecto “Eu quero Razo-Baldaio”

O 3 de xullo arrincarán, en colaboración con varias entidades naturalistas, unha serie de actividades para todos os públicos que se desenvolverán ata finais de setembro

Mércores 26 de xuño do 2019 Carballo ao día

A iniciativa presentouse hoxe

A iniciativa presentouse hoxe

Unha ruta cultural abrirá o 3 de xullo a campaña “Eu quero Razo-Baldaio”, unha iniciativa enmarcada no proxecto “Eu quero a Carballo”, dentro do cal vimos desenvolvendo distintas accións dende febreiro, e que nesta ocasión trata de promover o turismo sustentable. Deste xeito, o litoral carballés será o protagonista dunha serie de actividades para todos os públicos que se desenvolverán ata finais de setembro e nas que contamos coa colaboración das entidades naturalistas Senda Nova, Hábitat e Adega. Representantes dos tres colectivos, xunto co alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, participaron hoxe na presentación do cartel, que ten como lema “Coñecela para querela”.

O calendario completo das actividades programadas, que na súa maior parte levaranse a cabo os mércores e os sábados, está dispoñible na web creada especificamente para este proxecto, á que podedes acceder dende o banner superior da portada desta web ou clicando aquí.

Na sección de axenda atoparedes a descrición de cada unha das actividades: en que consisten, a quen van dirixidas, cando e onde se celebrarán, número de prazas, cal é a entidade que coordina e, moi importante, unha ligazón directa ao formulario de inscrición para que poidades realizalo online. A primeira acción, por exemplo, será a ruta “Segredos culturais da costa carballesa”, guiada por Senda Nova, que permitirá ás persoas participantes coñecer o patrimonio das nosas parroquias costeiras. Celebrarase o día 3 de xullo, de 10.30 a 13.30 horas, e poden participar persoas de calquera idade ata un máximo de 40.

Todas as actividades serán de balde, e inclúen rutas culturais, xeolóxicas ou interpretativas de especies coma a píllara das dunas, observacións ornitolóxicas, obradoiros de biodiversidade, saídas nocturnas, retirada de especies invasoras e xornadas de limpeza dos areias, bioblitz nas micro-reservas de flora, creación de micro-reservas ou un obradoiro de cestaría no que as persoas participantes realizarán unha actuación en vimbios sobre unha figura deseñada polo obradoiro carballés “Artesán” e Idioa Cuesta.

Compartir: