Inicio Carballo ao día Novas A nova corporación municipal establece as...

A nova corporación municipal establece as normas de funcionamento do pleno para os vindeiros catro anos

O número de compoñentes das comisións informativas, derivado da nova composición dos grupos políticos, e a aprobación de seis dedicacións exclusivas, principais cambios

Venres 21 de xuño do 2019

A corporación municipal de Carballo celebrou o preceptivo pleno de organización para establecer as normas de funcionamento para os vindeiros catro anos. Hai poucos cambios con respecto ao mandato anterior. En menos de media hora realizáronse as votacións, que foron así:

  1. Constitución dos grupos políticos municipais. Os catro grupos municipais quedaron constituídos segundo a seguinte distribución: BNG, 12 concelleiros/as; PP, 4; PSOE, 3, e TeGa, 2. Aprobado por unanimidade.
  2. Periodicidade das sesións ordinarias do pleno. Os plenos celebraranse o último luns de cada mes agás o de agosto, no que se trasladará ao primeiro luns de setembro. Aprobado por unanimidade.
  3. Comisións informativas permanentes e outros órganos colexiados de estudo e proposta. Haberá tres comisións informativas: Facenda, Especial de Contas, Réxime Interior e Contratación; Planificación Urbana e Mobilidade, e Benestar e Participación Social. Cada unha delas contará con 6 representantes do BNG, 2 do PP, 2 do PSOE e 1 de TeGa. Tamén funcionará como órgano consultivo unha Comisión Especial de Seguridade, presidida polo alcalde, que contará cun representante de cada partido. Así mesmo, crearase a Xunta de Portavoces. Aprobado coa abstención de Terra Galega.
  4. Representantes da Corporación en órganos colexiados. Son un total de 25, incluíndo os consellos escolares, o Fondo Galego de Cooperación ou o Eixo Atlántico. Aprobado coas abstencións de TeGa e PSOE.
  5. Réxime de retribucións e indemnizacións dos membros da corporación: por asistencia a plenos, 100€ (50€ máis para os/as voceiros/as); por asistencia á Xunta de Goberno Local, 100€; por asistencia a comisión informativas, 90€ (60€ máis para as presidentas). Aprobado coas abstencións de TeGa e PSOE.
  6. Cargos da corporación en réxime de dedicacións exclusivas e retribucións. Terán dedicación exclusiva ao Concello de Carballo Evencio Ferrero, Milagros Lantes, Luis Lamas, Juan Seoane, Marcos Trigo e Maica Ures. Os seus salarios non variarán e, en todo caso, serán un 20% máis baixos do máximo permitido por lei, segundo a cal Carballo podería ter 11 edís con dedicación exclusiva. Aprobado cos votos en contra de TeGa e as abstencións de PP e PSOE.
  7. Asignación económica aos grupos políticos municipais. Cada grupo percibirá 100 euros ao mes, independentemente do número de membros que teña, e por cada concelleiro corresponderanlle 125 euros, a mesma cantidade dende fai 20 anos. Aprobado coa abstención do PSOE.
  8.  Determinación do persoal eventual e retribucións. O Concello de Carballo podería contratar ata 8 persoas como persoal eventual, pero serán dúas: o secretario do alcalde e un técnico asesor de medio ambiente. Aprobado co voto en contra de TeGa e a abstención de PSOE.



Galería

Compartir: