Inicio Carballo ao día Novas Concello de Carballo e apicultores reforzan a...

Concello de Carballo e apicultores reforzan a colaboración para loitar contra a invasión da avespa velutina

Co reparto de trampas e líquido atraínte comeza unha intensa campaña de tres meses de duración para intentar atrapar o maior número de raíñas posible

Luns 4 de marzo do 2019

Na presentación da campaña de trampeo participaron varios apicultores

Na presentación da campaña de trampeo participaron varios apicultores

O 1 de marzo comezaron tres meses claves para a loita contra a praga de velutina, cada vez máis estendida en Galicia. A medida que se coñece mellor esta especie invasora van xurdindo novos sistemas para combatela, e por iso este ano hai trampas novas e líquido atraínte cunha composición diferente. O servizo municipal de control de pragas, en colaboración cos apicultores locais, empeza xa a colocación de trampas en lugares estratéxicos para intentar cazar ao maior número posible de raíñas. O ano pasado foron máis de 10.000.

Nun deses lugares estratéxicos, o responsable da empresa que xestiona o servizo municipal e control de pragas, Isidro Rodríguez, de Plaguiber, colocou unha trampa xa hai uns días e esta semana caeu a primeira raíña da tempada, que foi unha das protagonistas da presentación da campaña de trampeo.

Xunto ao encargado do servizo estiveron varios apicultores, o alcalde e o concelleiro Luis Lamas, quen destacou o bo traballo realizado nos últimos tres anos grazas á colaboración entre o Concello de Carballo e o sector apícola. “Poñémonos de novo á súa disposición coa esperanza de que algo vaia cambiando”, sinalou.

Este ano hai trampas novas e líquido atraínte con nova composición

Este ano hai trampas novas e líquido atraínte con nova composición

As persoas interesadas en colaborar poden dirixirse á sede de Plaguiber, na rúa Brasil número 27, para solicitar a trampa e o líquido atraínte. Xunto a este equipo básico facilitaráselle un modelo de plantilla para que anoten os datos das capturas e así poder levar un control da eficacia da campaña.

Este ano, ademais, intentarase recoller tamén datos de picaduras. A este respecto, o concelleiro Luis Lamas incidiu na importancia de que as persoas que traballan no sector forestal, sobre todo, tomen precaucións. Nese sentido, os tractores municipais que realizan os labores de roza, o vehículo empregado polos xardineiros municipais, o da brigada de medio ambiente e os da Policía Local e Protección Civil contan xa entre o seu equipamento cunha dose de adrenalina inxectable en xiringa precargada e un aerosol contra velutinas. O obxectivo é aumentar a protección dos/as traballadores/as, así coma facilitar o traballo dos servizos de seguridade no caso de que se atopen no seu labor diario cunha emerxencia relacionada con picaduras de avespas.

Compartir: