Os cursos de manexo do teléfono móbil comezarán este xoves 7 na parroquia de Vilela
Os talleres serán impartidos pola Cruz Vermella todos os martes e os xoves ata completar o percorrido polas 11 parroquias nas que houbo un mínimo de solicitudes
Luns 4 de febreiro do 2019 Carballo ao día
![](media/../media/img/telefono_mobil_800x460.jpg)
Xa están formados os primeiros grupos dos cursos de manexo do teléfono móbil organizados polo Concello de Carballo, que conta coa colaboración da Asemblea Local da Cruz Vermella para impartilos. O primeiro empezará este xoves no centro social de Vilela, onde hai 16 persoas inscritas.
Cada curso constará de tres sesións prácticas, que se celebrarán os martes e os xoves, de dúas horas de duración. En Vilela, polo tanto, o curso realizarase os días 7, 12 e 14. Neste caso o horario será de tarde, concretamente de 16.00 a 18.00, xa que foi a quenda elixida pola maioría das persoas inscritas. No resto das parroquias utilizouse ese mesmo criterio para establecer os horarios.
Os seguintes cursos celebraranse en Carballo os días 19, 21 e 26 de febreiro, neste caso en dúas quendas de mañá: de 09.30 a 11.30 e de 11.30 a 13.30 horas, xa que hai 30 persoas inscritas. Os seguintes, os días 7, 12 e 14 de marzo, serán en Sofán, tamén en dous grupos (de 09.30 a 11.30 e de 11.30 a 13.30) para poder atender ás 27 persoas anotadas. En todos os casos comunicaranse datas e horarios persoalmente por vía telefónica. As seguintes datas iranse fixando nas vindeiras semanas, pero a orde será a seguinte: Carballo (dous grupos de tarde), Sísamo, A Brea, Rus, Noicela, Lema, Entrecruces, Cances, Artes e Ardaña.
O obxectivo dos cursos é familiarizar coas novas tecnoloxías de uso cotiá ás persoas maiores e dotalas de ferramentas necesarias para a vida diaria.