Inicio Carballo ao día Avisos Aberto ata o 4 de marzo o prazo de solicitude das...

Aberto ata o 4 de marzo o prazo de solicitude das axudas do programa Iniciativa Xove da Consellería de Política Social

Luns 4 de febreiro do 2019

Ata o día 4 de marzo está aberto o prazo de solicitude das axudas convocadas pola Consellería de Política Social dentro do programa Iniciativa Xove, que ten como finalidade "cofinanciar a posta en marcha de iniciativas xuvenís, entendidas estas como proxectos liderados pola mocidade da Comunidade Autónoma de Galicia, que se desenvolvan durante o ano 2019, coa finalidade de fomentar e consolidar a participación libre e eficaz da mocidade no desenvolvemento político, social, económico e cultural, así como promover a adecuada utilización do lecer, a calidade de vida e o benestar dos mozos e mozas da nosa comunidade autónoma, a través de proxectos integrais e específicos de actuación", tal como figura na orde.

Áreas de atención prioritaria

  1. Iniciativa Xove Emprendedora: proxectos que lle permitan á mocidade probar as súas ideas no ámbito do emprendemento e da empregabilidade.
  2. Promoción de hábitos saudables e prevención de condutas de risco ou violentas entre a poboación xuvenil, así como sensibilización e loita contra calquera forma de discriminación.
  3. Fomento de actitudes creativas e innovadoras da xuventude na súa comunidade e na súa contorna.
  4. Fomento da inclusión social e laboral e da accesibilidade dos mozos e mozas pertencentes a colectivos con dificultades de integración ou especialmente vulnerables.
  5. Creación de espazos para a comunicación e novas tecnoloxías.
  6. Fomento da participación e do empoderamento das mulleres novas galegas para que colaboren activamente na toma de decisións, na xestión e na execución, desde o asociacionismo ou desde os grupos informais.
  7. Conservación do ambiente e do patrimonio cultural e natural, así como a súa posta en valor.
  8. Desenvolvemento e dinamización do medio rural.
  9. Dinamización da lingua galega entre a mocidade.

Proxectos subvencionables

Subvencionaranse actividades realizadas desde o 1 de xaneiro ata o 15 de outubro de 2019. Só se poderá presentar un proxecto por solicitante e o seu orzamento total non poderá ser superior a 5.000 €, non sendo subvencionable a adquisición de equipamento e material inventariable nin os gastos ordinarios de funcionamento que non estean asociados co proxecto e recollidos no orzamento de gastos. Tamén se exclúen os proxectos docentes e deportivos previstos nos plans regulados de ensino e deporte escolar e federativo.

Ligazóns

Compartir: