A renovación integral da rúa Río entra na súa recta final con moi boa acollida por parte da veciñanza
O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, recolleron durante a visita que realizaron hoxe ás obras as opinións dos/as residentes
Xoves 3 de xaneiro do 2019 Carballo ao día
![Luis Lamas e Evencio Ferrero conversaron con varios veciños e veciñas Luis Lamas e Evencio Ferrero conversaron con varios veciños e veciñas](media/../media/img/03012019_rua_rio_(1)_800x460.jpg)
Luis Lamas e Evencio Ferrero conversaron con varios veciños e veciñas
O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, realizaron hoxe unha visita ás obras da rúa Río, que entran xa na súa recta final. Durante o percorrido tiveron a oportunidade de conversar con veciños e veciñas da rúa, que se amosaron moi satisfeitos coa transformación que está a experimentar a céntrica vía.
A rúa Río, de feito, xa parece outra. A obra, financiada con fondos do Plan Único POS+ 2017, incluíu a renovación total dos servizos urbanísticos. Baixo o pavimento había canalizacións de abastecemento de auga e saneamento de fibrocemento, e as redes de electricidade e telefonía eran aéreas. Coa actuación realizada foron substituídas as redes de auga e saneamento, realizáronse as acometidas aos 24 solares da rúa e tamén se canalizaron as pluviais. Ademais, as canalizacións de electricidade, teléfono, cable e gas están agora soterradas.
![](media/../media/img/03012019_rua_rio_(6)_800x460.jpg)
Polo que respecta ao tratamento en superficie, destacan os pavimentos de granito, tanto na zona de circulación rodada coma nas peonís, que eran das máis estreitas de Carballo e agora gañan en seguridade e dan maior protagonismo aos peóns.
Pero ademais da renovación dos servizos urbanísticos e da mellora da mobilidade e a accesibilidade, o proxecto contribuirá tamén á mellora da imaxe urbana coa plantación de árbores, axardinamento e colocación de 9 puntos de luz centrais.
Os traballos son executados pola empresa IAM Rumbo Instalaciones y Obras S.L. cun orzamento de 156.582,18 euros.