Inicio Carballo ao día Hemeroteca A corporación aprobou no último...

A corporación aprobou no último pleno do ano o orzamento para o 2019 e investimentos por 5 millóns de euros

Todos os grupos, agás TeGa, que se abstivo, apoiaron a implantación da zona azul na rúa Sol

Martes 18 de decembro do 2018 Carballo ao día

A corporación municipal celebrou a última sesión plenaria do ano

A corporación municipal celebrou a última sesión plenaria do ano

O Concello de Carballo xa ten orzamento para o 2019. Foi aprobado no pleno deste luns coa abstención do PSOE e os votos en contra de TeGa e o PP, que só contou con catro dos seus cinco representantes debido á ausencia de Héctor García Andrade. Deste xeito, o ano que vén xestionaremos 24.505.476,70 euros, un 8,4% menos que neste 2018 debido, como volveu a explicar a concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, á desaparición do canon da auga e ao remate do proceso de regularización catastral. Son uns orzamentos que, segundo as súas palabras, “consolidan o compromiso deste goberno coas políticas sociais, cos servizos públicos de calidade, co equilibrio territorial, e cun modelo urbano sostible e accesible, pensado para as persoas”.

A concelleira de Facenda destacou as seguintes partidas:

  1. Programa de actuacións de promoción social, con 2.869.550,88 euros (un 14% máis ca no 2018 polo incremento de horas do servizo de axuda no fogar). 
  2. Servizos básicos: 11.336.670 euros, “dos que un 49,50% son para servizos de benestar comunitario (auga, saneamento, luz, tratamento residuos, alumeado...)”, explicou. 
  3. Servizos “que dinamizan a vida carballesa” (cultura, xuventude, deporte, educación): 5.271.124,80 euros.
  4. Axudas para os axentes sociais: 1.676.120 (+2,15% respecto deste ano)
  5. Investimentos reais: 3.452.169.77€

Principais investimentos

  • Adquisición de terreos: 340.000 euros (inclúe terreos para ampliación do cemiterio, para anchear a rúa Emilio González López e unha parcela xunto á igrexa e o cemiterio de Sísamo)
  • Vías públicas: 939.010,08 euros (inclúe a reurbanización das rúas Bos Aires e Campo da Feira e cadanseu contrato para o mantemento de vías urbanas e pistas rurais)
  • Saneamentos: 774.710,85 (Piña-Evas, en Sofán; Vella Morta, en Carballo; Taboada e A Granxa, en Entrecruces; Xoane da Estrada, en Goiáns; Vivente, en Ardaña; Betrís e A Ribeira, en Rus)
  • Instalacións deportivas: 587.741 euros (reforma e ampliación do campo de fútbol das Eiroas e pavimento para o pavillón do IES Parga Pondal)

A corporación municipal tamén aprobou, neste caso cos votos a favor de BNG e PSOE e as abstencións dos outros dous grupos, as obras que se acometerán con cargo ao Plan Único POS+, cofinanciado pola Deputación da Coruña. Neste plan figuran parte das obras incluídas no anexo de investimentos do orzamento, en concreto a reurbanización da rúa Bos Aires e os saneamentos das parroquias de Sofán, Entrecruces e Carballo. A maiores foi aprobado o POS Complementario, no que figuran as seguintes obras, por un importe total de 1.655.000,16 euros:

  • Rede de abastecemento de auga ao núcleo de Lema: 431.876,23 €
  • Reurbanización das rúas Vila de Laxe, Vila de Corcubión e Vila de Noia: 250.770,83 €
  • Reurbanización da rúa Tarragona e da rúa Perú: 253.466,12 €
  • Aglomerado da vía de Xoane a Piñeiro (Goiáns): 100.473,33 €
  • Aglomerado da vía de As Torres (Oza) a Cances Grande (Cances): 340.954,41 €
  • Mellora da accesibilidade peonil no barrio da Milagrosa e na rúa Vázquez de Parga: 182.336,84 €
  • Conexión aérea de puntos de luz “de tanto alzado” a cadros de nova instalación: 95.122,40 €

Outros asuntos

O último pleno do ano, que se adiantou pola coincidencia do último luns do mes coa noite de Fin de Ano, a corporación municipal aprobou tamén a creación dunha praza de viceinterventor/a, por unanimidade; o cadro de persoal para o ano que vén, coa abstención do PP e o voto en contra de TeGa, e a implantación da zona azul na rúa Sol co apoio de todos os grupos agás TeGa, que se abstivo.

Compartir: