Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello de Carballo manterá no 2019...

AOS 3,4 MILLÓNS QUE FIGURAN NO ANEXO DE INVESTIMENTOS SUMARANSE 1,6 DO POS COMPLEMENTARIO E O SUPERÁVIT

O Concello de Carballo manterá no 2019 unha alta capacidade investidora malia a diminución dos ingresos

O goberno municipal prima a prestación de servizos para as persoas e destina un 31,81% do orzamento anual a benestar social, sanidade, educación, cultura e deporte

Mércores 5 de decembro do 2018 Carballo ao día

Belén Lendoiro e Evencio Ferrero presentaron hoxe o orzamento do 2019

Belén Lendoiro e Evencio Ferrero presentaron hoxe o orzamento do 2019

A corporación municipal aprobará o día 17, en pleno extraordinario, o orzamento para o ano que vén. Serán 24.505.476,70 euros, dous millóns menos que este ano, debido, como explicou esta mañá a concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, a dous factores fundamentais: a diminución dos ingresos por impostos, xa que a revisión catastral rematou neste 2018, e a desaparición do canon da auga que figurou nos orzamentos dos últimos dous anos. De feito, o alcalde cualificou estes dous últimos exercicios coma “estraños dende  o punto de vista orzamentario” por esas dúas fontes de ingreso extra. Agora a situación do Concello de Carballo volve á normalidade, “e este é o orzamento que se vai seguir consolidando cos pequenos crecementos derivados do propio crecemento do noso concello”, engadiu Evencio Ferrero.

A diminución dos ingresos non reduce a capacidade investidora do Concello de Carballo, que continúa nunha excelente situación económica. Xunto aos 3.452.169,77 euros que figuran no anexo de investimentos, hoxe Evencio Ferrero anunciou que no pleno do día 17 tamén se aprobará o POS Complementario, con sete proxectos de obras por valor de 1.655.000 euros que se irán incorporando ao orzamento a medida que o permita a Deputación da Coruña. E a maiores estará o superávit que xere o propio Concello ao peche do exercicio actual, que tamén se destinará a investimento. Aínda sen ter en conta estas dúas fontes de ingresos complementarias, o Concello de Carballo investirá o vindeiro ano 110’66 euros por habitante, por riba da media dos concellos do mesmo tamaño.

“Os servizos teñen un custe, e por iso aumenta o capítulo 2, porque se aposta polo investimento nas persoas”, sinalou Evencio Ferrero

Estamos, en palabras da concelleira de Facenda, Belén Lendoiro, ante un documento que reflicte a estabilidade económica, a capacidade inversora e o compromiso social do Concello de Carballo. Ese compromiso social reflíctese nun forte investimento en servizos públicos básicos, que supoñen o 46% do orzamento, e que “permite seguir mantendo e mellorando a calidade dos servizos”. Neste sentido a concelleira aludiu á implantación da recollida selectiva da denominada 5ª fracción, a instalación de novos puntos de luz, o incremento dos recursos para a roza das vías municipais ou a loita contra a avespa velutina.

A outra gran aposta do goberno municipal é “o benestar social”, e a este respecto Belén Lendoiro destacou que o investimento en cultura, deporte, educación, sanidade e servizos sociais representa o 31,81% do orzamento, con case 7,8 millóns de euros. Só no Servizo de Axuda no Fogar está previsto un gasto de 850.000 euros, o que supón un incremento do 60% con respecto a este ano. “Iso significa que seguimos apostando polas persoas”, resaltou o alcalde.

Evencio Ferrero aludiu aos resultados da enquisa Citix, publicados recentemente en diversos medios de comunicación, que sinalan a Carballo como o concello cos mellores servizos de Galicia, segundo a opinión da cidadanía. “Os servizos teñen un custe, e por iso aumenta o capítulo 2, porque se aposta polo investimento nas persoas”, engadiu o alcalde.

Descargas

Compartir: