Inicio Carballo ao día Hemeroteca A caída das follas deixou ao descuberto no...

A caída das follas deixou ao descuberto no mes de novembro numerosos niños de velutina nas copas das árbores

O niño viaxeiro está exposto estes días no IES Alfredo Brañas

Martes 4 de decembro do 2018 Carballo ao día

Aínda que as velutinas fan niños en calquera lugar, como xa nos teñen demostrado, a práctica totalidade dos que retirou o Servizo Municipal de Control de Pragas durante o mes de novembro estaban situados en árbores. A caída das follas deixou ao descuberto numerosos niños que permanecían ocultos nas copas, algúns deles a moita altura, polo que foi preciso utilizar grúa en varias ocasións.

No mes de novembro foron retirados ou anulados un total de 99 niños, o que sitúa a cifra anual en 566. A peor parte volveu a tocarlle á parroquia de Sofán, con 19 niños; aínda que tanto en Carballo coma en Rus acadáronse os 14. Ás veces os avisos que recibe o Servizo Municipal de Pragas non se corresponden con niños de avespa asiática, outras resulta imposible chegar ata eles, noutras ocasións xa foran anulados aínda que non se retirasen e hai veces que incluso se reciben chamadas doutros concellos.

As persoas que localicen un niño poden chamar ao 012 ou ao 112, desde onde darán aviso ao Servizo Municipal de Control de Pragas.

Ademais da retirada dos niños, dende o Concello de Carballo continuamos co labor divulgativo sobre esta especie invasora a través de distintas iniciativas. Unha delas e o niño viaxeiro, que, despois de permanecer no Mercado Municipal durante uns días, atópase agora no IES Alfredo Brañas. Os centros educativos ou servizos públicos que desexen formar parte desta exposición itinerante poden poñerse en contacto co servizo municipal de Medio Ambiente no teléfono 981 704 100.

Compartir: