Inicio Carballo ao día Hemeroteca Xa podes volver a circular pola rúa Sol,...

Xa podes volver a circular pola rúa Sol, que hoxe pola tarde quedou aberta ao tráfico rodado

As obras de reforma integral permitiron renovar todos os servizos urbanísticos, mellorar a accesibilidade e embelecer unha das rúas emblemáticas da nosa vila

Venres 30 de novembro do 2018 Carballo ao día

A rúa Sol quedou hoxe aberta ao tráfico rodado

A rúa Sol quedou hoxe aberta ao tráfico rodado

Hoxe desapareceron as vallas da rúa Sol, que quedou aberta ao tráfico rodado esta mesma tarde, unha vez rematadas as obras que viñemos realizando durante estes últimos cinco meses. Aínda falta a instalación do mobiliario urbano, pero os materiais utilizados, as novas luminarias, as árbores e os floridos macizos da praza situada xunto á glorieta danlle xa outro aspecto totalmente distinto a unha das rúas emblemáticas da nosa vila.

O groso do traballo desenvolveuse onde non se ve, baixo terra, xa que algunhas canalizacións estaban en moi mal estado e foi preciso acometer un intenso traballo de renovación e modernización de todos os servizos urbanísticos. Os principais problemas afectaban ás redes de augas residuais e pluviais, esta última construída de fibrocemento, sobre todo na zona da rotonda. Pero a actuación que executou a empresa Construcciones Ramón Vázquez y Reino tamén incluíu novas tubaxes para o soterramento da liña eléctrica e o alumeado público, cable ou mellora das redes de telefonía ou do abastecemento de auga.

Praza da zona da glorieta

Praza da zona da glorieta

Ademais de modernizar os servizos, o proxecto, que supuxo un investimento de 291.973 euros, permite mellorar a accesibilidade ao longo dos 214 metros de rúa, desde Martín Herrera ata a glorieta. A rúa do Sol é agora de plataforma única, con distintos pavimentos para diferenciar zonas peonís e rodadas. Na zona da rotonda incorporouse o cruce coa rúa Oriente para crear unha pequena praza.

Compartir: