Inicio Carballo ao día Hemeroteca Aprobada de forma inicial a nova ordenanza de...

PLENO ORDINARIO DE NOVEMBRO

Aprobada de forma inicial a nova ordenanza de tráfico, que volverá a estar exposta ao público durante un mes

A corporación municipal gardou un minuto de silencio polas vítimas da violencia de xénero antes de aprobar a Declaración Institucional do 25N

Martes 27 de novembro do 2018 Carballo ao día

A corporación gardou un minuto de silencio polas vítimas da violencia de xénero

A corporación gardou un minuto de silencio polas vítimas da violencia de xénero

O pleno ordinario de novembro comezou cun minuto de silencio polas vítimas da violencia de xénero e a aprobación unánime da Declaración Institucional do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres e Nenas. A maioría dos membros da corporación sumáronse á campaña do 25N vestindo as camisetas co lema Carballo en negro durante a sesión, que se prolongou durante dúas horas.

Un dos temas centrais do pleno foi a nova Ordenanza reguladora do tráfico, a mobilidade e a seguridade viaria no concello de Carballo, que conta xa coa aprobación inicial da corporación municipal, aínda que o PP abstívose e tanto TeGa coma PSOE votaron en contra. O texto, que xa pasou por unha fase previa de consulta na que non se presentou ningunha achega, volverá a estar exposto ao público durante un mes a partir da publicación no Boletín Oficial da Provincia (BOP) do acordo adoptado onte.

A nova ordenanza recolle na súa maior parte aspectos xa previstos na vixente pero introduce novidades encamiñadas, como comenta o alcalde, Evencio Ferrero, a “velar pola seguridade das persoas”. Unha delas é a redución das velocidades máximas nalgunhas vías. Deste xeito, nas rúas urbanas de plataforma única non poderán superarse os 20 Km/hora, unha medida que xa está vixente en Valle-Inclán, Martín Herrera ou Desiderio Varela, por exemplo; mentres que no resto das vías urbanas o límite será de 30 Km/hora. No resto do viario municipal establécense tamén 30 Km/h para as denominadas travesías de núcleo, aínda que se contan con beirarrúas ou beiravías laterais para peóns e ciclistas amplíase ata 40 Km/h.

Na rúa Desiderio Varela a velocidade xa está limitada a 20 Km/h

Na rúa Desiderio Varela a velocidade xa está limitada a 20 Km/h

Precisamente, un dos obxectivos da ordenanza é a promoción da mobilidade sostible, baseada na prioridade dos modos de desprazamento, por esta orde: a pé, en bicicleta, transporte público e de mercadorías e transporte privado. Nese sentido, as medidas establecidas tenden a “facilitar a mobilidade da cidadanía, sobre todo dos peóns, ciclistas e viaxeiros de transporte colectivo”, calmar o tráfico para gañar en seguridade e reducir “ao máximo o número de accidentes e vítimas”, ordenar o tráfico de reparto de mercadorías para causar o menor prexuízo a veciñanza e adecuar a rede viaria e a ordenación do tráfico para a consecución desa mobilidade sostible.

A ordenanza dá resposta ás necesidades creadas a raíz da transformación do espazo público, regulando, por exemplo, a utilización das vías de plataforma única ou a circulación de vehículos de mobilidade persoal (VMP), que, con carácter xeral, teñen unha consideración similar á das bicicletas e non poderán circular por beirarrúas nin zonas peonís. As condicións concretas previstas para cada medio de locomoción, así coma o resto dos aspectos regulados na ordenanza (impacto ambiental, autorizacións, normas de circulación urbana, sinalización, carta e descarga, uso e actividades na vía pública, parada e estacionamento ou o réxime sancionador, entre outros) poden consultarse na ordenanza, ao final desta nova.

Outros asuntos

A unanimidade regresou para aprobar a permuta dun terreo para camiño público no lugar do Salto (Vilela) e as solicitudes de compatibilidade presentadas por tres docentes do Conservatorio Profesional de Música.

Un dos temas que xerou máis debate foi a moción de Terra Galega sobre a accesibilidade a un edificio da rúa Blanco Amor, que non recibiu o apoio de ningún dos outros grupos. O BNG votou en contra e tanto PP coma PSOE abstivéronse.

Xa na parte final da sesión, o goberno deu conta do informe de morosidade correspondente ao terceiro trimestre do ano 2018, que reflicte un descenso do período de pago a provedores ata situalo en 1,82 días de media.

No apartado de rogos e preguntas, o PP pediu a instalación dunha randeeira adaptada e interesouse por cuestións coma as axudas para actividades de conciliación, o arranxo da rúa Vila de Laxe ou a humanización do Chorís.  O PSOE preguntou pola 3ª fase da travesía de Sísamo e a mellora da seguridade nos pasos de peóns, insistiu na solicitude de revisión das valoracións catastrais e pediu un estudo dos hórreos. TeGa, pola súa banda, pediu a redución da velocidade na zona de Pedra Furada, solución para un problema cunha rampla na Vila de Negreira e para un vertido en Artes. Ademais preguntou pola limpeza dunha casa na rúa Mirtos, a obra do Chorís, un vertido na estrada de Razo, a parada de autobús da rúa Martín Herrera, a situación das pistas en Sofán, a praza de inspector de policía, o Premio Cidades que Camiñan ou as actividades do programa Camiñando pola igualdade.

Descargas

Compartir: