Inicio Carballo ao día Hemeroteca Nova selección de alumnado para a lista de...

Nova selección de alumnado para a lista de agarda da Escola Municipal de Hostalaría do Fórum Carballo

O Concello abrirá en breve tamén o prazo de inscrición para o curso de Servizos de bar e cafetaría que comezará en xaneiro

Luns 26 de novembro do 2018 Carballo ao día

A proba práctica consistiu na elaboración dun guiso de abadexo

A proba práctica consistiu na elaboración dun guiso de abadexo

Mentres o alumnado da Escola Municipal de Hostalaría experimentaba co chocolate na zona de repostaría, os fogóns do Fórum Carballo estiveron ocupados hoxe pola mañá por seis novos/as candidatos/as a participar nesta acción formativa promovida polo Concello de Carballo. Hoxe celebráronse as probas de selección para cubrir unha vacante e crear unha lista de agarda por se se producise algunha outra baixa de aquí a finais de xaneiro, posto que parte das persoas que participaron no anterior proceso selectivo incorporáronse xa ao mercado laboral.

Tal como establecen as bases de acceso, as probas consistiron nun exame escrito, unha entrevista e unha proba na cociña. Nesta ocasión, os/as aspirantes tiveron que preparar un guiso de abadexo.

Desde a Concellaría de Promoción Económica tamén estamos a apostar moi forte pola formación de profesionais da hostalaría. Ademais do curso de cociña que dirixe Fernando Agrasar, estamos preparando para comezar en xaneiro un novo curso de Servizos de bar e cafetería, dentro do Plan AFD, que nesta ocasión contará coa gran vantaxe, precisamente, de desenvolverse de forma paralela ao primeiro curso de cociña da Escola Municipal de Hostalaría. O prazo de inscrición para Servizos de bar e cafetería aínda non está aberto, pero as persoas interesadas poden pedir xa información.

Últimos días para inscribirse en electricidade!

Ao mesmo tempo, continúa aberto o prazo de inscrición para o curso de Montaxe e mantemento de instalacións eléctricas de baixa tensión, incluído no Plan AFD 2018-19. As persoas interesadas deben dirixirse canto antes ás oficinas municipais situadas no 2º andar do edificio administrativo do Fórum ou chamar, de luns a venres polas mañás, ao 981 709 010 ou 981 709 011.

Os únicos requisitos para participar son atoparse en situación de desemprego e ter o graduado en ESO (ou ben as competencias clave de nivel 2 ou ben un certificado de profesionalidade de nivel I da mesma familia e área profesional de electricidade e electrónica ou ben un anterior de nivel 2 de calquera familia profesional). O curso terá unha duración de 930 horas, dende o 3 de decembro do 2018 ata o mes de setembro do 2019. O horario das clases será de 09.00 a 14.00.

Hoxe tamén empezaron os cursos de Prevención de Riscos Laborais, un de nivel básico da construción e outro específico de aparatos elevadores, nos que participan 25 persoas. As clases impartiranse ata o 14 de decembro, en horario de 09.00 a 14.00.

Compartir: