Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Concellaría de Igualdade e Benestar...

MOBILÍZATE #CONTRAASVIOLENCIAS

A Concellaría de Igualdade e Benestar promove unha campaña audiovisual para concienciar contra a violencia de xénero

O primeiro vídeo, protagonizado por actores e actrices locais, presentarase mañá domingo coincidindo coa concentración cidadá convocada para as 12.30 horas na Praza do Concello

Sábado 24 de novembro do 2018 Carballo ao día

Mañá e o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres e as Nenas, e, como se vén facendo nos últimos anos, dende a Concellaría de Igualdade e Benestar convídase a toda a cidadanía a participar nunha concentración na Praza do Concello. O acto público está convocado para as 12.30 horas.

Coincidindo coa concentración cidadá, o Concello de Carballo presentará unha campaña audiovisual que se estenderá ao longo de todo o ano coa finalidade de seguir concienciando contra a violencia de xénero máis alá dunha da simbólica data do 25 de novembro. A campaña incluirá a difusión de vídeos de 1 minuto de duración e protagonizados por carballeses e carballesas, que se converterán en actores e actrices para amosarnos as diferentes caras da violencia machista. No primeiro vídeo, que se proxectará nunha pantalla xigante ás portas da Casa do Concello, contamos, entre outras, coa colaboración da Aula de Teatro Municipal.

Ademais de convidarvos á proxección do vídeo, dende a Concellaría de Igualdade e Benestar tamén vos animamos a sumarvos á campaña Carballo en Negro acudindo coas vosas camisetas. Mañá antes do acto tamén se procederá ao reparto de material promocional ata fin de existencias.

Este ano o 25N coincide coa feira, polo que agardamos que Carballo se converta mañá domingo na representación o máis ampla posible do rexeitamento social á violencia de xénero.

Compartir: