Inicio Carballo ao día Hemeroteca Asinados os contratos para a execución das...

Asinados os contratos para a execución das obras de mellora da accesibilidade na rúa Laracha e urbanización da González Tiradas

O Concello de Carballo investirá 272.708,71 euros nestes novos proxectos, que permitirán seguir mellorando os servizos nos barrios

Xoves 15 de novembro do 2018 Carballo ao día

Sinatura dos contratos das dúas fases da rúa Cándido González Tiradas

Sinatura dos contratos das dúas fases da rúa Cándido González Tiradas

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, asinou hoxe dous novos contratos que permitirán seguir mellorando os servizos e a accesibilidade nos barrios, neste caso nos de Pedra Furada e A Braña.

Na primeira zona, a empresa Lancer Proyectos y Obras executará a reurbanización da rúa Cándido González Tiradas. O proxecto divídese en dúas fases. A primeira, que foi adxudicada por 86.952,66 euros, desenvolverase nunha superficie de 630 metros cadrados, concretamente entre o cruce coa rúa Antonio Vázquez Mouzo e a Alcalde Monteagudo. A segunda custará 92.949,05 euros, e desenvolverase entre Antonio Vázquez Mouzo e Rodríguez Sesmeros, cunha superficie de 943 metros cadrados. O obxectivo é dotar a rúa de todos os servizos urbanísticos, dos que agora carece, e proceder á pavimentación da zona de circulación e á construción de beirarrúas. O proxecto complétase co pintado das zonas de aparcamento e os carrís, a colocación de papeleiras e a plantación de árbores e crecemento lento.

Sinatura do contrato da rúa Laracha

Sinatura do contrato da rúa Laracha

Na zona da Braña acometerase a mellora da accesibilidade na rúa Laracha, adxudicada á empresa Construcciones Ramón Vázquez y Reino por un importe de 92.807 euros. A obra inclúe a renovación de todos os servizos ao longo dos 133 metros de lonxitude da rúa. Así, cambiaranse as canalizacións da rede de abastecemento de auga, que agora son de fibrocemento; instalarase rede separativa de pluviais e residuais, que non existe, e completarase a canalización de gas. Tamén se prevé a formación de beirarrúas e a reposición do pavimento afectado polas instalacións. Así mesmo, pintaranse as prazas de aparcamento e a vía e colocaranse sinais de tráfico novos.

Compartir: