Inicio Carballo ao día Novas As obras de reurbanización da rúa...

As obras de reurbanización da rúa Sol avanzan ao ritmo previsto e pronto empezarán os traballos en superficie

As actuacións no subsolo permitiron constatar o mal estado de algunhas canalizacións, que serán renovadas por completo

Xoves 16 de agosto do 2018

Durante a visita, os membros do goberno municipal conversaron sobre as obras con veciños/as e empresarios

Durante a visita, os membros do goberno municipal conversaron sobre as obras con veciños/as e empresarios

A instalación dos servizos urbanísticos na rúa Sol está case lista, polo que moi pronto comezarán os traballos en superficie, como puido comprobar o alcalde, Evencio Ferrero, durante unha visita que realizou ás obras acompañado por Milagros Lantes e Marcos Trigo.

Os traballos realizados baixo terra permitiron constatar o mal estado de algunhas canalizacións e a necesidade de renovalas, tal como está previsto no proxecto. Os principais problemas afectaban ás redes de augas residuais e pluviais, esta última construída de fibrocemento, sobre todo na zona da rotonda. Pero a actuación que está a executar a empresa Construcciones Ramón Vázquez y Reino tamén inclúe novas tubaxes para o soterramento da liña eléctrica e o alumeado público, cable ou mellora das redes de telefonía ou do abastecemento de auga.

Tratamento en superficie

As obras afectan aos 214 metros de rúa e á rotonda

As obras afectan aos 214 metros de rúa e á rotonda

Ademais de modernizar os servizos, en moitos casos obsoletos, o proxecto que estamos a desenvolver, cun investimento de 291.973 euros, permitirá mellorar a accesibilidade ao longo dos 214 metros de rúa, desde Martín Herrera ata a glorieta. A rúa do Sol será, antes de que acabe o ano, de plataforma única con distintos pavimentos segundo o tipo de uso. Deste xeito, nas zonas peonís a ámbalas marxes da rúa utilizarase granito coma o da Martín Herrera. Este material tamén se manterá para a zona de circulación ata o cruce coa Gran Vía, pero a partir de aí e ata a rotonda será de formigón, coma a rúa Ponte.

Na zona da rotonda a actuación estenderase ata a rúa Vila de Negreira, incorporando o cruce coa rúa Oriente e dando lugar así a unha pequena praza xunto ao primeiro mural do proxecto Derrubando Muros con Pintura. Neste espazo utilizarase o granito e haberá unha zona de soleira, ademais de bancos e vexetación.

Ademais de mellorar os servizos e a accesibilidade, a actuación inclúe a renovación de todos os acabados e o mobiliario urbano, así coma a incorporación de árbores e xardinería.



Galería

Compartir: