Inicio Carballo ao día Novas Un sistema informático facilita os...

Un sistema informático facilita os controis de calidade diarios nas praias de Razo, Baldaio-Saíñas e Pedra do Sal

Os areais carballeses contan co Certificado do Esquemo Europeo de Ecoxestión e Auditoría (EMAS) e co certificado ISO 14001, ademais da bandeira azul

Xoves 2 de agosto do 2018

As tablets facilitan o traballo da unidade de salvamento acuático

As tablets facilitan o traballo da unidade de salvamento acuático

Este verán apostamos pola implantación dun sistema informático que facilita os controis de calidade que realizamos a diario nas praias de Razo, Baldaio-Saíñas e Pedra do Sal, grazas aos cales conseguimos renovar tanto o certificado ISO 14001 coma o EMAS (Certificado do Esquema Europeo de Ecoxestión e Auditoría), que está considerado o máis prestixioso dos implantados na UE.

Nos tres areais, que contan ademais con bandeira azul, o servizo de salvamento e socorrismo elabora partes diarios de toda actividade relacionada coa calidade, desde as atencións de botiquín ata a limpeza dos aseos, o consumo enerxético ou as reclamacións das persoas usuarias, entre outros moitos aspectos. De feito, ámbolos dous certificados europeos implican un compromiso coa prevención da contaminación, a mellora continua dos areais, a xestión de residuos e, ademais, permiten que os usuarios e usuarias poidan presentar reclamacións.

O obxectivo, como apunta o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Vales, é seguir mellorando os parámetros de calidade para acadar a excelencia

Agora todos eses datos son rexistrados en tablets cun programa informático específico que non só facilita a elaboración dos partes diarios, senón que supón un aforro de tempo para o persoal do servizo de salvamento e socorrismo e un aforro de papel, outro dos parámetros que se teñen en conta á hora de certificar a calidade das praias.

O sistema de xestión ambiental EMAS, de feito, inclúe todas as actividades que se producen nas praias: limpeza e recollida de residuos, limpeza dos aseos e mantemento das instalacións, salvamento e socorrismo, control sanitario-ambiental das augas e baño e o ámbito da praia. Neste sentido, avalíanse aspectos como o consumo de gasóil, auga, papel ou electricidade; a xestión dos residuos, as emisións, os ruídos e os olores, a calidade das augas e da area ou a implicación do persoal, por exemplo.

O obxectivo, como apunta o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Vales, é seguir mellorando os parámetros de calidade para acadar a excelencia.

Compartir: