Inicio Carballo ao día Novas No período 2018-2020 está previsto...

No período 2018-2020 está previsto o despregue de fibra óptica en varios núcleos de poboación de sete parroquias

Telefónica de España conta cunha subvención da Xunta e o FEADER para instalar redes ultrarrápidas que permitirán servizos de acceso a Internet de máis de 100 Mbps

Martes 3 de xullo do 2018

O alcalde solicitou o ano pasado á directora de Telefónica en Galicia a extensión da rede

O alcalde solicitou o ano pasado á directora de Telefónica en Galicia a extensión da rede

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia vén de comunicar ao Concello de Carballo o despregamento e redes ultrarrápidas de acceso a Internet no noso concello, unha reiterada demanda da veciñanza a través dos consellos parroquiais que desde a Alcaldía foi trasladada xa o ano pasado á directora de Telefónica en Galicia.

Agora a compañía Telefónica de España S.A.conta cunha subvención da Xunta e o FEADER de 14,2 millóns de euros para ofrecer servizos de acceso á rede de máis de 100 Mbps simétricos mediante fibra óptica en varios núcleos galegos, entre eles os de Quintáns e Vivente (Ardaña), A Ganduma, O Moucho e Vilarnovo (Berdillo), Queo de Arriba, O Requeixo e Loenzo (Bértoa), Cances da Vila (Cances), O Monte e Ponte Rosende (Carballo), As Torres (Oza) e Bolón e Guntián (Sofán). O investimento terá que realizarse entre este ano e o 2020, segundo a información facilitada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.

Ademais, segundo indica, con cargo ás subvencións concedidas desde o Estado, están xa en curso actuacións que permitirán servizos de acceso ultrarrápido a Internet en Queo de Abaixo, A Rega e O Fondal (Bértoa), Cances Grande (Cances), e Arnados e Razo da Costa (Razo).

Tamén se sinala no comunicado que a última convocatoria do Estado, publicada en abril deste ano, conta cunha dotación a maiores de 18,5 millóns de euros para Galicia que permitirá que os operadores poidan seguir incrementando a velocidade de acceso a Internet en zonas nas que non hai servizo de redes ultrarrápidas nin previsión de dispoñer del.

Compartir: