Inicio Carballo ao día Novas As primeiras obras do canon da auga están...

As primeiras obras do canon da auga están en execución nas parroquias de Sofán e Rus

Xa están tamén a piques de empezar os saneamentos en Artes e as melloras urxentes nas redes de abastecemento de varias parroquias

Martes 24 de abril do 2018

O alcalde e o concelleiro de Obras e Servizos, nas obras de Pedra da Galiña

O alcalde e o concelleiro de Obras e Servizos, nas obras de Pedra da Galiña

Nos vindeiros meses levaranse a cabo no noso concello proxectos hidráulicos por un importe próximo aos 2 millóns de euros, correspondentes ao canon da auga do 2017. O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas visitaron as obras que están en marcha nestes momentos nos lugares de Casal de Perros e Outeiro de Abaixo, na parroquia de Rus, e Pedra da Galiña e Monte do Rei, na de Sofán, que executa Construcciones Ramón Vázquez y Reino. 

Esta mesma empresa carballesa -que vén de rematar o saneamento do Cotote (Sofán), incluído no Plan Provincial de Medio Ambiente- tamén acometerá o proxecto de saneamento nos lugares do Barral, a Feira de Berdillo e Quintela, na parroquia de Artes, e as melloras urxentes nas redes de abastecemento e saneamento tanto no casco urbano coma nas parroquias de Goiáns e Bértoa.

O resto das actuacións do canon da auga están pendentes de adxudicar, pero xa cos prazos de licitación pechados, polo que a súa execución tamén está próxima. Entre elas figuran as redes de saneamento de Vilar de Cidre, na parroquia de Razo, e da Redonda, A Igrexa, O Piñeiro e Outeiriños, na de Entrecruces; así coma a instalación dun sistema de desbaste na EDAR de Carballo e melloras electromecánicas na ETAP e nas EDAR de Carballo e Razo que permitirán optimizar o funcionamento destes servizos.

Con cargo ao canon da auga deste ano, que se complementará con outros fondos municipais, acometerase un proxecto de tanta envergadura e tan demandado, sobre todo despois da seca do outono pasado, como é a rede de abastecemento de auga ás parroquias de Oza e Razo, que ten un orzamento de 1,7 millóns de euros.

Compartir: