Inicio Carballo ao día Novas O Horto Viaxeiro visitou o CEIP...

O SÁBADO 24 VEN PLANTAR UNHA LANDRA AO HORTO INFANTIL

O Horto Viaxeiro visitou o CEIP Nétoma-Razo acompañado por un equipo da Televisión de Galicia

O programa “Galicia Viva” foi testemuña da xornada de traballo que realizou o alumnado de 6º de primaria no horto do colexio

Xoves 22 de marzo do 2018

Esta semana o Horto Viaxeiro desprazouse ata o CEIP Nétoma-Razo para celebrar cun grupo de escolares de 6º de primaria a segunda xornada de traballo no que vai de curso, tras a súa adhesión, hai apenas tres meses, ao proxecto itinerante do Horto Infantil Ecolóxico Municipal. Nesta ocasión, ademais de nervios e ilusión entre os participantes, houbo que sumar a gran expectación que xerou a presencia das cámaras do programa Galicia Viva, da TVG, que se achegaron ata o centro para coñecer de preto o funcionamento desta pioneira iniciativa coa que se pretende achegar a natureza aos nenos e nenas de infantil e primaria.

A xornada, que tivo unha duración aproximada dunha hora e media, comezou cunha plantación de acelgas e a semente de perexil e tagetes, unha flor moi empregada na agricultura ecolóxica polas súas múltiples funcións xa que, ademais de resultar moi decorativa, atrae polinizadores e as súas raíces desprenden unhas substancias que manteñen lonxe aos vermes. Ao remate, o alumnado puido comprobar a excelente evolución dos vermicomposteiros que se instalaron recentemente e recibir algunhas instrucións para o seu correcto mantemento.

Día da Árbore

Pero a actividade no Horto Infantil Ecolóxico Municipal non para! Dentro das actividades programadas para conmemorar o Día da Árbore, este sábado 24 celebrarase unha xornada de amadriñamento e apadriñamento de landras nas instalacións da rúa Nardos, na que poderán participar todas as familias que o desexen sen necesidade de inscrición previa. Abonda con pasar polo horto, entre as 11.00 e as 13.00 horas, con ganas de traballar para axudarnos a lograr o noso obxectivo: crear unha gran carballeira.

Cada participante plantará unha landra nunha maceta. Para que o proceso de apadriñamento e amadriñamento quede perfectamente rexistrado, no momento da chegada cada neno ou nena facilitará os seus datos e asignaráselle un número, que se corresponderá co da súa maceta. As plantas inventariadas quedarán ao coidado do horto, e cando chegue o momento de transplantar as que saian adiante contactarase coa madriña ou padriño para que poida facelo. Animádevos, cantas máis mans, mellor!

Compartir: