Inicio Carballo ao día Novas A segunda fase da reurbanización da...

A segunda fase da reurbanización da contorna do CEIP San Luís Romero completará un investimento de máis de 500.000 euros

Membros da comunidade educativa, representantes municipais, técnicos e persoal da construtora realizaron unha visita de fin de obra ao renovado pavillón do colexio

Mércores 21 de marzo do 2018

Sinatura do contrato para a execución da 2ª fase das obras

Sinatura do contrato para a execución da 2ª fase das obras

A segunda fase do proxecto de reurbanización da zona do CEIP Xesús San Luís Romero, que comezará en breve tras a sinatura do contrato entre o Concello de Carballo e a empresa adxudicataria, completará nun investimento de 515.738,3 euros no centro educativo e a súa contorna. A actuación enmárcase na liña de mellora da seguridade nos ámbitos educativos, pero ademais de cumprir este obxectivo prioritario, permite seguir avanzando na modernización das infraestruturas de servizos e viarias nos barrios.

O proxecto de reurbanización comezou nas rúas Xesús San Luís Romero e Fotógrafo Xosé Vidal, cun investimento de 188.155 euros que se acometeu o ano pasado, e que permitiu renovar ou instalar todos os servizos urbanísticos e mellorar a accesibilidade ao centro educativo. Nesta segunda fase, que ten un orzamento de 205.700 euros, daráselle continuidade a esa actuación tamén nas rúas Saturnino Cuíñas e Cemiterio Vello. O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, asinou o contrato coa empresa Construcciones López Cao, que resultou adxudicataria tanto da primeira fase como da segunda, e os traballos, que teñen un prazo de execución de tres meses, comezarán o antes posible.

Obras no pavillón

Representantes do Concello, o colexio, a ANPA, a empresa construtora e a dirección de obra visitaron o pavillón

Representantes do Concello, o colexio, a ANPA, a empresa construtora e a dirección de obra visitaron o pavillón

No CEIP Xesús San Luís Romero tamén veñen de rematar as obras de peche do pavillón polideportivo, nas que o Concello de Carballo investiu outros 121.883,30 euros. Con motivo da finalización dos traballos realizouse unha visita á instalación na que participaron o alcalde e o concelleiro de Deportes, Marcos Trigo; técnicos, representantes da empresa construtora, Desarrolla Obras y Servicios, e membros da comunidade educativa.

O pavillón foi renovado por completo, tanto polo peche como pola substitución do pavimento e do equipamento, a mellora da iluminación e da accesibilidade desde o colexio. A maiores, e sen custe algún para o concello de Carballo, a empresa construíu dous aseos e un almacén e realizou outras actuacións menores valoradas, en conxunto, en máis de 20.000 euros.

Compartir: