Inicio Carballo ao día Novas Grupos políticos e cidadanía fan as...

Grupos políticos e cidadanía fan as súas achegas para a elaboración da estratexia de mellora e xestión do espazo público

Os traballos de campo realizados detectan un uso excesivo do coche, xa que o 31,17% das veces que usamos o coche é para percorrer menos de 3 quilómetros

Venres 16 de marzo do 2018

Hoxe pola mañá celebrouse unha reunión de traballo cos grupos políticos

Hoxe pola mañá celebrouse unha reunión de traballo cos grupos políticos

A elaboración da estratexia de mellora e xestión do espazo público é tarefa de todas e todos, e por iso a participación veciñal está a ter un protagonismo especial neste proceso. Hoxe recolléronse, por parte do equipo técnico que está a realizar o traballo, as achegas tanto dos grupos políticos municipais como da cidadanía. A esta hora continúa na Biblioteca Rego da Balsa a xornada de traballo aberta, na que entidades e particulares están a expresar o seu parecer sobre os problemas que afectan á mobilidade peonil ou ciclista, ao tráfico pesado, aos apartamentos ou á accesibilidade, e ao mesmo tempo están a propoñer posibles solucións que se incorporarán ao diagnóstico final.

Tanto a xuntanza política que se celebrou pola mañá na Casa do Concello como a veciñal desta tarde comezaron cunha presentación das conclusións extraídas dos traballos de campo que centraron a primeira fase do traballo.

En total realizáronse 351 enquisas telefónicas, das que se desprende un número de 74.349 desprazamentos diarios (2,57 de media por cada residente maior de 15 anos), o 66,19% dos cales realízanse en medios motorizados. Máis do 40% deses movementos son dentro do propio casco urbano, mentres que a comunicación coas parroquias supón case o 30% e co resto da provincia (fundamentalmente A Coruña e, en menor medida, Santiago), un 14%.

Tamén se realizaron aforos peonís en 3 puntos do casco urbano en días laborables, tanto pola mañá como pola tarde, e un xoves de mercado pola mañá, o que permitiu detectar que o día de mercado hai un incremento de tránsito peonil do 72,52% con respecto a calquera outra mañá da semana.

Así mesmo, leváronse a cabo aforos de vehículos en sete puntos que se corresponden coas principais vías de acceso e saída do casco urbano, nos que se contabilizaron máis de 60.000 vehículos nun día laborable entre as 08.00 e as 14.00 e as 17.00 e as 21.00 horas. Un xoves pola mañá circulan por Carballo 2.500 vehículos máis que calquera outro día da semana. Estes aforos complementáronse con enquisas a 1.864 condutores/as nun total de 5 puntos, e con 4 percorridos en vehículo flotante. Tamén se fixo un inventario e prospección de prazas de aparcamento.

CONCLUSIÓNS

Pola tarde presentáronse as conclusións nun acto público na Biblioteca Rego da Balsa

Pola tarde presentáronse as conclusións nun acto público na Biblioteca Rego da Balsa

En canto ao transporte non motorizado, o equipo técnico destaca que, malia contar cunha orografía “moi adecuada para os desprazamentos a pé”, estes supoñen o 33% do total e o 78% teñen unha duración de menos de 10 minutos. Chama a atención que un 36,6% das persoas enquisadas declara que non se move máis a pé “por comodidade”, aínda que a valoración da accesibilidade, a comodidade e o mantemento do viario peonil é boa e acada unha puntuación de 6,5. A hora punta, agás nos días de feira, é de 18.00 a 20.00.

Dentro do transporte non motorizado tamén se inclúe a bicicleta, que ten un uso moi residual, só o 0,77%, e fundamentalmente para ocio e recreo. Sen embargo, a veciñanza valora positivamente o fomento da bicicleta e considera precisas as medidas para que se difunda o seu uso como modo de transporte habitual.

Polo que respecta ao transporte motorizado, o índice de motorización de Carballo é de 604 vehículos por 1.000 habitantes, superior ao da Coruña e outras cidades, pero na liña do “altísimo índice que hai en toda a comarca”, expuxeron as técnicas responsables do traballo. Usamos o coche para desprazamentos curtos por comodidade e hábito, e nos longos o noso principal destino é  Coruña. Nun día laborable medio realízanse na nosa vila 47.451 desprazamentos en vehículo privado, e 11.400 son para distancias inferiores a 3 quilómetros, “que poderían facerse noutros modos máis sustentables”, destacaron. A hora punta coincide coa do tráfico peonil, entre as 19.00 e as 20.00, e as vías máis utilizadas son a AC-552, Gran Vía, Luis Calvo, Avenida de Malpica e Fábrica.

Na análise dos aparcamentos conclúese que hai un uso intensivo dos máis próximos ao centro, sobre todo nos días de feira, e que o nivel de máxima ocupación sitúase arredor das 19.00 horas. Nos aparcadoiros disuasorios máis afastados do centro a ocupación máxima é do 60% e acádase os días de feira ao mediodía. Ademais do centro, a zona con máis demanda de prazas é a contorna do colexio Bergantiños e o complexo deportivo Carballo Calero.

Os representantes políticos asistiron á exposición inicial previa aos traballos grupais

Os representantes políticos asistiron á exposición inicial previa aos traballos grupais

En canto ao tráfico pesado, que inclúe furgonetas grandes, camións e autobuses, supón o 3,52% do total nun día laborable medio. Este tipo de vehículos circulan principalmente polas rúas Vázquez de Parga, Gran Vía, Vila de Negreira e Luis Calvo.

Outro medio de transporte residual é o público, que supón o 1,25% dos desprazamentos totais. As persoas enquisadas declararon como causas do escaso uso do autobús que non hai servizo, que a frecuencia é insuficiente ou que os horarios non son axeitados.

Finalmente, o estudo céntrase na seguridade viaria e na accesibilidade como cuestións transversais que se teñen en conta en todas as áreas e que tamén deberán contemplarse á hora de definir as propostas de actuación futuras. Desde o ano 2015 os datos revelan un descenso do número de atropelos moi importante, aínda que o obxectivo é chegar a cero. As vías con máis sinistralidade entre vehículos son avenida de Bértoa, Vázquez de Parga e Gran Vía, e entre vehículos e peóns, Luis Calvo, Cemiterio Vello, Praza de Galicia, Gran Vía e Vázquez de Parga. En canto á mellora da accesibilidade, o obxectivo é continuar na liña iniciada nos últimos anos para eliminar barreiras tanto nos itinerarios peonís como no uso do transporte público ou os aparcamentos.

En breve poremos a disposición da veciñanza un enlace na páxina web para que todo o mundo teña a oportunidade de facer as súas achegas.

Compartir: