Inicio Carballo ao día Novas Encontro do alumnado do CEIP A Cristina con...

Encontro do alumnado do CEIP A Cristina con Evencio Ferrero: “Que é o que máis lle gusta de ser alcalde?”

Nenos e nenas de 3º curso de Primaria reuníronse co alcalde durante a visita que realizaron hoxe ás dependencias municipais

Martes 13 de marzo do 2018

O encontro con Evencio Ferrero e Milagros Lantes celebrouse no salón de plenos

O encontro con Evencio Ferrero e Milagros Lantes celebrouse no salón de plenos

“Que é o que máis lle gusta de ser alcalde?”, “Como se sentiu cando o elixiron alcalde?” ou “Por que non se constrúe un parque acuático en Carballo?” foron tres das numerosas preguntas que traían preparadas os 26 alumnos e alumnas do CEIP A Cristina para a súa entrevista de hoxe con Evencio Ferrero. E o alcalde contestou a todas. Con respecto a estas tres, por exemplo, dixo que o que máis lle gusta é “poder facer cousas que contribúen a que Carballo sexa un bo lugar para vivir”; que asumiu o cargo con moita satisfacción pero tamén con moita responsabilidade e “orgulloso, porque este é o sitio onde nacín e onde elixín vivir”, e que estaría moi ben ter un parque acuático aínda que de momento non figura entre as prioridades do Concello de Carballo.

A visita tamén incluíu a Oficina Técnica Municipal

A visita tamén incluíu a Oficina Técnica Municipal

O que si se vai facer na contorna do colexio, anuncioulles, é a reurbanización das rúas e a cuberta do Parque do Anllóns, que agarda que estea lista para o próximo outono. E ademais, a petición dos nenos e nenas, tanto Evencio Ferrero coma a concelleira Milagros Lantes, que o acompañou durante o cordial interrogatorio, comprometéronse a ter en conta as súas suxestións en canto a incorporación de novos xogos nos parques.

Ademais de conversar co alcalde, o obxectivo da visita á Casa do Concello era que os/as escolares coñecesen de primeira man o funcionamento da Administración Local. E así foi, nun percorrido de algo máis dunha hora por diferentes dependencias municipais. En primeiro lugar estiveron na Oficina Técnica, onde tiveron a oportunidade de coñecer o municipio a vista de paxaro entre planos, mapas e a última tecnoloxía en cartografía.

Os nenos e nenas marcharon con cadansúa mochila

Os nenos e nenas marcharon con cadansúa mochila

O momento máis agardado polos nenos e nenas chegou ao final da xornada coa visita ás oficinas da Policía Nacional e da Policía Local. Tras descubrir como se fai un DNI e un pasaporte, todos/as quixeron probar a deixar a súa pegada dactilar. Finalmente, trasladáronse á comisaría local para saber do día a día dos axentes e coñecer de preto estancias tan sorprendentes como os calabozos.  Durante a súa estancia, incidiuse na importancia de respectar as normas de circulación e seguridade viaria, facendo especial fincapé no uso do cinto e o casco para todos os seus desprazamentos. Ao final, os alumnos/as comprobaron o funcionamento dun etilómetro, usado nas probas de alcoholemia, e probaron algúns chalecos antibalas que a máis de un ou unha lle gustaría poder levar para a casa. Non puido ser, pero o que si levaron todos e todas foron unhas prácticas mochilas co logo do Concello de Carballo. E ben guap@s que ían!

Compartir: