Clausurado o Obradoiro de acollemento lingüístico que organizamos para facilitar a integración das persoas inmigrantes
A entrega de diplomas e unha festa gastronómica multicultural pecharon dous meses de actividades arredor da lingua, a cultura e a sociedade galegas
Domingo 14 de xaneiro do 2018 Lingua
O Obradoiro de acollemento lingüístico organizado polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Carballo entre o 2 de novembro e finais de decembro de 2017 foi clausurado este sábado no Pazo da Cultura, nun acto que contou coa presenza do concelleiro Xosé Regueira. Regueira felicitou ás alumnas e animounas a seguir utilizando o galego a diario, para logo facer entrega dos diplomas acreditativos.
As alumnas tiveron palabras de agradecemento co profesor do curso, Tono Formoso, a quen obsequiaron cun “regaliño”, e aseguraron que agora son un grupo unido que comparte experiencias e se relaciona fóra da aula. Formoso correspondeu a mostra de afecto cun emotivo: “Grazas por ser como sodes”.
Once mulleres de oito nacionalidades diferentes recolleron os seus diplomas despois de participar nunha experiencia que lles permitiu non só coñecer a lingua galega, senón tamén a música, a literatura, a prensa ou a xeografía, todo coa intención de facilitar a súa integración na sociedade galega e carballesa e tamén o seu acceso ao mundo laboral. Os obradoiros veñen desenvolvéndose desde o ano 2005 con moi bos resultados.
A clausura converteuse nunha festa gastronómica multicutural na que os asistentes gozaron de pratos típicos dos países de procedencia das alumnas: arroz e raviolis de China, leite de burra (bebida venezolana), patacas recheas colombianas, un doce de chocolates e froita brasileiro, puré de plátano macho de Santo Domingo, empanadas venezolanas ou pan de iuca de Colombia.