Inicio Carballo ao día Novas O ano pasado recollemos no punto limpo de...

CONTINÚA ATA O 19 A CAMPAÑA “O QUE SE ENCHUFA, RECÍCLASE”

O ano pasado recollemos no punto limpo de Bértoa 46.932 quilos de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos

Os RAEE non perigosos duplicáronse con respecto ao 2016 e entre os considerados perigosos destacan os 22.420 quilos de televisións

Martes 9 de xaneiro do 2018

Residuos de aparellos eléctricos e electrónicos

Residuos de aparellos eléctricos e electrónicos

No punto limpo de Bértoa xestionamos o ano pasado un total de 46.932 quilos de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos. O incremento con respecto ao 2016 supera o 38%, unha suba máis que considerable que, como sinala o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, é unha mostra de que este tipo de produtos están cada vez máis presentes nas nosas vidas, pero tamén de que a poboación está cada vez máis sensibilizada nas cuestións medioambientais. 

O maior aumento rexistrouse nos aparellos eléctricos non perigosos, que pasaron de 4.700 a 10.560 quilos nun ano, o que supón máis do dobre. Segundo o Programa de Nacións Unidas para o Medio Ambiente, no mundo xéranse 40 millóns de toneladas de lixo electrónico ao ano, e o volume deste tipo de chatarra medra cada cinco anos o triplo dos residuos orgánicos. Estas cifras, que reflicten o importante problema ante o cal nos atopamos, non son alleas a nós, segundo se desprende dos datos do punto limpo. Por iso, desde a Concellería de Obras e Servizos insístese na importancia de utilizar este servizo, que é gratuíto e que permite non só recoller, senón tamén xestionar axeitadamente os RAEE para que os seus compoñentes poidan ser debidamente tratados e/ou reutilizados.

Ademais, a maior parte dos residuos de aparellos eléctricos e electrónicos son perigosos porque teñen compoñentes moi contaminantes. Entre os que chegan ao punto limpo destacan os televisores, que pasaron de 18.700 quilos no 2016 a 22.420 no 2017. En segundo lugar destacan as neveiras e conxeladores, que tamén se incrementaron desde os 10.260 quilos do ano 2016 ata os 13.780 do 2017. Cos fluorescentes, que tamén son perigosos, a tendencia é a contraria, probablemente debido á progresiva substitución deste tipo de luminarias por outras máis eficientes e menos contaminantes. Entre o 2016 e o 2017 a súa presenza no punto limpo reduciuse de 259 a 172 quilos.

Ademais do punto limpo, que está aberto os xoves e os sábados de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 19.00 horas, en Carballo funciona todos os mércores o punto limpo móbil, que recolle todo tipo de voluminosos xunto aos contedores do lixo en calquera punto do municipio, iso si, previa chamada telefónica antes das 14 horas do martes anterior, ao 981 754 917.

Material da campaña

Material da campaña "O que se enchufa, recíclase"

Tamén contamos con 6 establecementos comerciais nos que se poden depositar os RAEE. Hoxe mesmo arrancou a campaña informativa “O que se enchufa, recíclase”, promovida desde a Xunta de Galicia para mentalizar ao sector sobre a importancia de colaborar e á poboación sobre a necesidade de que se realice unha xestión axeitada deste tipo de residuos. O posto informativo instalouse no Mercado Municipal debido á chuvia, pero se o tempo mellora trasladarase á esquina das rúas Coruña e Desiderio Varela, xa que permanecerá en Carballo ata o día 19 e atenderá ao público de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas de martes a sábado.

Compartir: