Inicio Carballo ao día Novas Moita participación na xuntanza inicial do...

Moita participación na xuntanza inicial do Plan Especial de Protección, Infraestruturas e Dotacións de Razo

A veciñanza terá voz durante todo o proceso de elaboración do documento urbanístico

Venres 15 de decembro do 2017

Máis de 70 persoas asistiron á xuntanza de presentación inicial do Plan Especial de Protección, Infraestruturas e Dotacións de Razo, un documento urbanístico que comeza a elaborarse agora e que deberá estar rematado nun prazo máximo de 25 meses contando coa participación veciñal. A reunión celebrada este venres no CEIP Nétoma-Razo foi o primeiro exemplo, xa que se convocou a colectivos vinculados á zona e á cidadanía en xeral para recoller todas as opinións sobre a situación actual do ámbito e as perspectivas de futuro.

A enquisa que se distribuíu nesta primeira xuntanza pode descargarse tamén ao final desta nova e entregarse no Concello de Carballo, tanto presencialmente como a través do enderezo electrónico perazoarnados@gmail.com. “Queremos recoller as vosas propostas dentro do marco legal no que nos movemos”, explicou o alcalde, Evencio Ferrero, ao comezo da sesión. “Estamos principiando un proceso longo, no que cadaquén terá oportunidade de ir presentando as súas propostas”, indicou. Xunto ao alcalde estiveron a concelleira de Planificación e Mobilidade Urbana, Milagros Lantes, e o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Vales. Tamén asistiron á convocatoria os voceiros e outros membros dos grupos da oposición.

O peso da exposición correu a cargo do equipo técnico contratado para a elaboración do documento, que destacaron a importancia da participación “desde o principio”, como demostrou a propia xuntanza. O obxectivo fundamental desta primeira toma de contacto era, ademais de recoller as primeiras impresións da cidadanía, explicar o punto de partida do traballo. Os técnicos explicaron que o Plan Especial de Protección, Infraestruturas e Dotacións de Razo afecta en exclusiva a solos rústicos con “moitas afeccións” polas distintas normativas estatais, autonómicas e municipais vixentes.

As características especiais do ámbito van ser decisivas á hora de planificar o seu desenvolvemento, que en todo caso limitarase a infraestruturas e dotacións como os accesos á praia, espazos libres, aparcamentos, equipamentos deportivos ou turísticos, de iniciativa pública ou privada, como un cámping ou unha área de caravanas. Decidir que facer e onde, dentro da zona delimitada, é o obxectivo final do plan especial.

A veciñanza amosou un interese especial polos equipamentos deportivos. Neste sentido, os técnicos explicaron que o campo de fútbol actual está situado fóra do ámbito do plan especial, en terreo cedido por Costas para esa finalidade por un tempo determinado. Dado que esa cesión rematará nos vindeiros anos e que se descoñece se será renovada ou non, en principio o plan especial preverá un emprazamento alternativo para esa instalación.

Toda a información que se vaia recompilando estará dispoñible no enderezo de internet https://pe-razo-arnados.blogspot.com.es.

Ligazóns

Descargas

Compartir: