Inicio Carballo ao día Novas O Concello de Carballo redobra a súa...

COMERCIO LOCAL, FEIRAS E MERCADOS TERÁN PROXECCIÓN A NIVEL PROVINCIAL

O Concello de Carballo redobra a súa aposta polo comercio de proximidade cunha potente campaña de Nadal

7.300 agasallos, 138 experiencias, descontos, unha viaxe a Madeira, actividades infantís, animación de rúa multiplican os atractivos da terceira edición de Semecachadescóntovos

Xoves 14 de decembro do 2017

A potente campaña publicitaria que arrincou o día 5 en diferentes medios e soportes de toda a provincia é unha das apostas máis fortes que fai este ano a Concellaría de Promoción Económica para promocionar o comercio carballés, as nosas feiras e os nosos mercados na recta final do ano. “Estamos no mes de maior intensidade de consumo, e a sociedade debe darse conta de que cada compra que se fai en Carballo contribúe a facer pobo”, destacou o alcalde na presentación da campaña de Nadal. Pero non só se trata de sumarse á moda do “quilómetro cero”, senón que, como tamén dixo Evencio Ferrero, o nivel do comercio en Carballo non ten nada que envexar ao de moitas cidades máis grandes, e por iso xa non só se trata de os carballeses e as carballesas merquen aquí, senón de que tamén o fagan veciños e veciñas de toda a Costa da Morte e mesmo de toda a provincia.

Neste compromiso co comercio de proximidade, a Concellaría de Promoción Económica volve a apostar polo formato de Semecachadescóntovos, “amplificando o que se veu facendo nos dous anos anteriores”, comentou o concelleiro delegado da área, Xosé Regueira. E, deste xeito, ademais desa potente campaña publicitaria, a iniciativa inclúe un programa de dinamización para todas as idades, redes sociais propias, o sorteo dunha viaxe a Madeira e moitos outros premios. “Agardamos que o balance económico sexa positivo, porque iso incidirá no emprego e na sociedade en xeral”, apuntou Regueira.

A imaxe e os contidos de Semecachadescóntovos van ligados aos nomes da ilustradora Laura Tova e do sociólogo Santi Pazos. Este último, que tamén participou na presentación da campaña, destacou que o obxectivo deste ano é transmitir “unha imaxe global de cidade” e que “o glamur non está nos centros comerciais, senón en cidades como Carballo”.

Pola súa banda, a técnica de Promoción Económica, Paula Lema, detallou o contido da iniciativa, na que un ano máis acadouse o teito dos/as 70 participantes. “Por cuestións de loxística e funcionamento non poden ser máis”, apuntou. E esa é tamén unha das razóns da extensión da campaña publicitaria a toda a provincia, “para que se beneficien tamén dun xeito indirecto todos os establecementos que non participan”.

Este ano hai 7.300 agasallos (bolsas, libretas, bolígrafos, mochilas...), 138 experiencias (baños termais, almorzos, xantares ou ceas nos establecementos que contan co selo Carballo Compromiso Calidade) e descontos do 10 ao 15%, que é a achega das tendas

Os 70 comercios estarán identificados coa imaxe do xa famoso rato de Semecachadescóntovos. Ademais, por cada 30 euros de compra entregarán á súa clientela unha tarxeta ilustrada por Laura Tova que na súa parte posterior leva unha zona para rascar e obter premios directos. Este ano hai 7.300 agasallos (bolsas, libretas, bolígrafos, mochilas...), 138 experiencias (baños termais, almorzos, xantares ou ceas nos establecementos que contan co selo Carballo Compromiso Calidade) e descontos do 10 ao 15%, que constitúen a achega dos establecementos.

Ademais, todas as persoas que reúnan as tarxetas coas seis ilustracións diferentes realizadas por Laura Tova poderán entregalas no Museo de Bergantiños e participarán no sorteo dunha viaxe de 8 días-7 noites para dúas persoas, en réxime de aloxamento e almorzo, á illa de Madeira.

E, por se fora pouco, a campaña inclúe outras actividades complementarias. Do 26 ao 29 deste mes a planta alta do Mercado Municipal converterase nun recinto lúdico para nenos e nenas. De 12.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas haberá xogos, talleres, contacontos... Diferentes propostas para que os nenos e as nenas se divirtan mentres os seus papás e as súas mamás fan as compras. E tamén haberá animación teatral todos os sábados tanto no interior das tendas coma nas rúas.

Compartir: