Inicio Carballo ao día Hemeroteca Ánxela Bugallo inaugurou a ‘1ª Semana...

CULTURA

Ánxela Bugallo inaugurou a ‘1ª Semana do Libro e a Lectura’

Luns 3 de abril do 2006

Na primeira xornada da ‘Semana do Libro e a Lectura’ asistiron 260 alumnos de diferentes centros educativos de Carballo, visitas que continuarán ao longo da mostra durante toda a semana. Ademáis, nesta xornada de luns, 3 de abril, a escritora Anxos Sumai falará da literatura galega na rede, a partir das 18,00 horas, nun acto aberto a todo o público en enmarcado dentro dos Encontros co profesorado. Durante máis de dous anos, Anxos Sumai estivo de garda todas as semanas na Rede. Os seus textos Anxos de garda convertéronse nun refuxio literario, nun vehículo da sensibilidade e nunha ventá a outras caras da realidade. Tamén ás 18,00 horas a Compañía Trinke-Trinke abre a actividade de conta contos, destinada ao alumnado de Educación Infantil e 1º de Educación Primaria. Ademáis destas actividades a desenvolver durante a xornada de hoxe luns, póñense en marcha os distintos obradoiros que se levarán a cabo durante toda a semana. Igualmente, pódense visitar as exposicións permanentes que acompañan á programación desta 1ª Semana do Libro e a Lectura. As exposicións abranguen diferentes aspectos, como unha de libros cedidos polas editoriais, outra de libros feitos por alumnos e alumnas, unha de orixinais de ilustradores galegos e outra adicada a Manuel María. O horario de visita das exposicións será de luns a venres de 10,00 a 14,00 horas para os centros de ensino, previa reserva, e de 17,00 horas a 20,00 horas para o público en xeral. O sábado 8 de abril permanecerá aberta de 10,00 horas a 14,00 horas e de 16,00 horas a 18,00 horas.

Compartir: