Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo acolle un All Star de Billarda que...

SÁBADO 15 DE MARZO A PARTIR DAS 15.30 HORAS

Carballo acolle un All Star de Billarda que congregará a expertos, afeccionados e curiosos nas pistas do Chorís

Xoves 13 de marzo do 2014

A billarda ou estornela é un xogo popular en Galicia, recuperado e posto en valor nos últimos anos nos que se ten creado a Liga Nacional, se teñen organizado numerosas competicións e se ten fixado un regulamento unificado. Caamaño explica, ademais, que o xogo transcende as fronteiras galegas, e dende hai seis anos se disputa unha Copa cantábrica á que acode unha selección galega. Así mesmo, hai variantes similares á billarda en países tan distantes como a India, Cuba ou Irlanda. En canto ao xogo, consiste esencialmente en darlle cun pau (marro ou palán), a outro máis pequeno (billarda, propiamente dita), para que salte e se tire ó máis lonxe posible para logo encaixalo nunha especie de portería ou varal. En todo caso Caamaño explica que a Liga Nacional de Billarda pretende ir máis alá do xogo e crear "un movemento cultural e social, ademais de deportivo" polo que na cita está prevista a presenza dun concerto no que adoitan actuar grupos galegos en auxe. Neste caso, colaboran o Pub O'Patacón cunha "Foliada" a partir das 20.00 horas; e o Pub A Reserva, cun festival a partir das 22.30 horas no que actuarán 12 Labirinto, Os Vacalouras e Xenderal, todo o mesmo sábado 15.

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, lembrou durante a presentación da cita os tempos nos que el foi xogador de billarda, e espera que o All Star favoreza a aparición na vila de novos afeccionados e afeccionadas a este deporte. O Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, subliñou a importancia de apoiar os xogos tradicionais galegos porque son "un patrimonio importante que non se debe perder". Os interesados e interesadas poden descargar o programa do All Star de Billarda ao completo en pdf nesta mesma nova.

Compartir: