Inicio Carballo ao día Hemeroteca Os ingresos por cursos, abonos e tickets do...

O ÍNDICE DE SATISFACCIÓN DOS USUARIOS/AS É DE 7,49 SOBRE 10

Os ingresos por cursos, abonos e tickets do Padroado Deportivo Municipal medraron un 68% no primeiro semestre de 2010

Venres 23 de xullo do 2010

Este balance e esta enquisa realízanse para "reflexionar sobre as actividades programadas durante o curso" e "cavilar sobre o traballo feito", en verbas de Ferrero. Todo isto co obxectivo, segundo o Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, "de mellorar os servizos deportivos municipais". Uns servizos que presentan un balance "altamente satisfactorio", segundo resalta o Alcalde, cunha enquisa que ten unha fiabilidade dun 95% e que concede un notable alto á xestión. Máis polo miúdo, as respostas mostran que entre as valoracións máis elevadas destacan as relativas aos monitores, cunha nota de 8,55 á atención recibida ou dun 8,56 ao seu bo trato e disposición. Ademais, a variedade e amenidade das sesións dos cursos conta cunha nota dun 8,05.

Tamén recebe un notable alto, dun 7,58, a atención e información nas oficinas e un 7,7 a atención e información nas propias instalacións. O Alcalde subliña que o datos indican que o Padroado "volve estar nunha época de moita vitalidade e en fase de expansión" e que "tense acertado coas medidas adoptadas", aínda que se seguirá traballando ampliando a oferta. Así, o próximo curso poñeranse en marcha cursiños de natación para embarazadas e bebés e tamén aquafitness. Os datos da enquisa estarán expostos nas instalacións onde se realizou para que os usuarios e usuarias podan examinalas polo miúdo: a Piscina Vila de Noia, a Piscina Carballo Calero e a Sala Fitness da Piscina Carballo Calero.

Programa de exercicio físico para maiores


Na presentación dos resultados tamén se falou doutra enquisa, neste caso realizada entre os arredor de 400 participantes do Programa de Exercicio Físico para Maiores que se desenvolve durante o curso na capital municipal e en diferentes parroquias. A Concelleira de Terceira Idade, Carmen Regueira, subliñou a elevada participación, con 243 respostas (222 válidas) e tamén a boa tónica dos resultados con datos como, por exemplo, que un 96% da xente acadou os obxectivos perseguidos á hora de participar nas actividades, que un 99,5% ten a intención de seguir con elas ou que o 100% a recomendaría a outras persoas. Tamén hai que subliñar que a maioría das respostas proveñen de mulleres, cun 82,88% da mostra; ou que o rango de idade maioritario é o de entre 70 e 79 anos, cun 48,2% do total.

Compartir: