Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Circuíto de Motor de Bértoa...

O XOVES 29 REMATA O PRAZO DE INSCRICIÓN

O Circuíto de Motor de Bértoa acolle o sábado 31 de xullo o II Autocross Bergantiños

Martes 27 de xullo do 2010

O Xerente do Padroado Deportivo Municipal, Francisco García Bello, fixo fincapé no bo estado das instalacións, xa que "o circuíto está gañando cada día en seguridade, estética e funcionalidade especialmente grazas ás escudarías". Tamén subliña o feito de que os pilotos sempre manifestan a súa satisfacción polo circuíto "algo digno de mención aínda que haxa que seguir traballando". No mesmo sentido pronunciouse Kiko Rojo, da Escudaría Bergantiños Motor: "nós seguimos apostando polo automobilismo cunhas magníficas instalacións". Engadiu que "os pilotos sempre marchan contentos e con gañas de volver". No balance negativo, simplemente lamentou a falta de colaboración por parte da Federación Galega, que impediu "que esta proba formara parte do campionato galego" e tamén suprimiu sen previo aviso outra das probas que ía organizar a escudaría.

O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, mostrou a súa satisfacción de "ver o uso que teñen espazos polos que se apostou dende o Concello", como é o caso do Circuíto de Bértoa e "comprobamos que é un espazo para ser usado e desfrutado", "cunhas características idóneas para o espectador e para os propios pilotos". Así mesmo, o Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, quixo agradecer a colaboración das entidades "que responderon con creces ao reto" de manter vivo o circuíto. Ao longo do ano 2010 está previsto que o Circuíto Municipal de Motor de Bértoa acolla un total de nove probas de diferentes disciplinas e campionatos, superando o número de carreiras celebradas en 2009. O ano pasado supuxo a recuperación para a competición deste circuíto, que levaba sen acoller probas dende o ano 2003. O aproveitamento das instalacións está cumprindo até o de agora as expectativas iniciais e rexistrando unha notable asistencia de público na maioría das citas disputadas.

Os interesados e interesadas en obter máis información sobre a proba, examinar o regulamento ou descargar a solicitude de inscrición, poden facelo a través da web da Escudaría Bergantiños Motor nesta mesma nova.

Compartir: