Inicio Carballo ao día Hemeroteca Unha delegación de 50 franceses e...

VISITARÁN CONSERVAS CALVO, SANTIAGO E AS RÍAS BAIXAS

Unha delegación de 50 franceses e francesas da vila irmá de L'Isle Jourdain permanecen esta semana en Carballo

Martes 20 de xullo do 2010

Entre os agasallos hai que subliñar a presenza de obras de arte representativas das dúas vilas. Así, destaca a entrega dunha acuarela por parte do concello de L'Isle Jourdain, ademais dun obxecto típico que antigamente se colocaba no xugo dos bois para distinguir ao seus propietarios e que ten derivado nunha escultura tradicional que se caracteriza polos seus deseños e colores e que coas súas pequenas campaíñas lembra o Museo Europeo de Arte Campanil de L'Isle Jourdain. Carballo fixo entrega de dúas esculturas de Sargadelos, unha delas coa forma dun carballo asemellando o símbolo do Concello. Tamén se fixo entrega dunha reproducción da Torre de Hércules, como recordo da súa recente distinción como Patrimonio da Humanidade. Houbo, así mesmo, intercambio de viños ou incluso a entrega dunha maqueta do avión Airbus, unha empresa que conta cunha das súas sedes na cidade de Toulousse, veciña de L'Isle Jourdain. Os aplausos e a emoción presidiron os discursos, especialmente no caso de Marie Delpeyraux, que asegurou sentirse moi contenta de poder realizar esta visita de 'jumelage' ou irmanamento.

Até o venres 23 de xullo a delegación realizará numerosas actividades, como a visita o martes 20 ás instalacións de Conservas Calvo para despois desprazarse ata Santiago de Compostela-Saint Jacques, especialmente para visitar a catedral nun ano Xacobeo. O mércores a visita é ás Rías Baixas, mentres que o xoves diríxense á cidade da Coruña e ás 20.30 horas asisten a unha actuación do Coro Aires de Bergantiños de Carballo no auditorio do Pazo da Cultura. A continuación está previsto celebrar unha cea de despedida antes de que emprendan a viaxe de regreso ao día seguinte. O Concello de Carballo está irmandado coa poboación francesa de L'Isle Jourdain dende novembro de 1994. Os vencellos que unen ambas as dúas vilas tradúcense en actos culturais ou intercambios escolares grazas aos que xorden novos lazos de amizade. A última das visitas institucionais á vila francesa foi en xuño de 2008, cando o Alcalde, Evencio Ferrero, viaxou ata o país veciño acompañado por unha nutrida delegación do Comité de Irmanamento con L'Isle Jourdain.

Compartir: