Inicio Carballo ao día Hemeroteca A música, a maxia, os libros e o teatro...

DO 9 DE XULLO AO 28 DE AGOSTO

A música, a maxia, os libros e o teatro son os protagonistas do Verán Cultural, que conta coa actuación estelar de Berrogüetto

Xoves 1 de xullo do 2010

No apartado infantil, a maxia, o teatro e os monicreques centran a oferta, ademais da presenza da Cúpula Caixanova, unha carpa con obradoiros relacionados coa maxia e a ciencia que estará na Praza do Concello a principios de agosto. Para adultos, a programación fundamental está centrada na música, pero tamén hai maxia para os maiores e teatro. No apartado musical hai que subliñar a actuación estelar de Berrogüetto, o venres 30 de xullo na Praza do Concello. Xabier Díaz, bergantiñán e voz masculina no novo álbum da agrupación, 'Kosmogonías', estivo na presentación do Verán Cultural 2010 e describiu o álbum como un traballo que supón "unha pequena reflexión de mirar ao ceo para darnos conta do minúsculos que somos". Tamén subliñou o carácter "tremendamente especial deste concerto", xa que, levando dous anos en Berrogüetto, non tivera aínda a oportunidade de tocar co grupo na comarca.

Entre as novidades de 2010 destaca o Ciclo Trad, que nace co obxectivo de constituírse nunha cita anual coa música tradicional e que acapara as últimas dúas fins de semana de agosto. O venres 20 con Antonio Rivas e o seu acordeón, con cumbia, vallenato e guaracha. E o sábado 28, no marco da Praza dos Libros (entre o 26 e o 29 de agosto), con Os Carunchos, con música de carácter lúdico que mestura valses, xotas, muiñeiras ou rumbas. Non hai que esquecer tampouco o Festival de Música e Baile Tradicional o 27 de agosto, que este ano conta como grupo invitado co Ballet Folclórico Desde el Alma, con bailes tradicionais de Uruguai. Como cada ano, estará o ciclo de Noites de Cine, nesta ocasión cunha redución respecto de anos anteriores cun total de 18 sesións, de luns a xoves todo o verán, sendo os mércores sempre a cita na Praza do Concello. E non hai que esquecer o Sereas e Piratas, o 24 de xullo, unha cita que chega á súa quinta edición e que contará con The Requesters, Olimpic, Belöp e Lowcos. O Alcalde, Evencio Ferrero, quixo mostrar o seu agradecemento a todos os patrocinadores e asociacións que fan posible o programa do Verán Cultural xa que "esta programación non sería posible se tivera que soportarse sobre o lombo dos orzamentos municipais.

Os interesados e interesadas en consultar o programa de actividades ao completo, poden facelo nesta mesma nova.

Compartir: