Inicio Carballo ao día Hemeroteca Visto bo á cesión de terreos para a...

APROBADA A INICIATIVA VECIÑAL DE SAN SALVADOR DE SOFÁN

Visto bo á cesión de terreos para a creación de beirarrúas na estrada de Santiago nas parroquias de Rus, Ardaña e Entrecruces

Martes 27 de abril do 2010

A sesión plenaria tamén sacou adiante a aprobación da Iniciativa veciñal da Asociación San Salvador de Sofán. O procedemento estipulado no Regulamento de Participación Cidadá esixe que calquera iniciativa sexa presentada por escrito e que se someta a información pública durante un prazo de 30 días. Nunha sesión plenaria celebrada no mes de novembro, a corporación sacou adiante a exposición pública. Agora, unha vez superada, o pleno vén de aprobar a propia iniciativa veciñal, que ten o obxectivo de adquirir unha parcela de 913 metros cadrados e valorada en 80.000 euros para ampliar o espazo público do adro da igrexa de Sofán e poder celebrar alí as actividades parroquiais. O financiamento da adquisición repártese a partes iguais entre o Concello e a Asociación, con 40.000 euros cada parte. Os veciños ou entidades poden realizar achegas dun mínimo de 50 euros. Una vez adquirida a parcela, o Concello asumirá a elaboración do proxecto de remodelación, para o que xa hai un pequeno borrador.

Outro dos puntos da orde do día supuxo a aprobación dun Convenio de colaboración entre o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e o Concello de Carballo para a xestión do Centro de Día situado na Praza de Vigo da capital municipal. Este centro comezou a construírse a comezos de 2008 e hai tempo que está completamente finalizado. O Concello está á espera de que a Xunta ultime os detalles da xestión. O convenio establece que a Administración Local deberá asumir un tercio dos gastos correntes das instalacións, mentres que o Consorcio asumirá os gastos de persoal así como a dotación de mobiliario e todo o material necesario para que comece a funcionar. Polo de agora, a Xunta non ten especificado o número de prazas que estarán dispoñibles no edificio, que está previsto que entre en funcionamento no segundo semestre de 2010. Así mesmo, a sesión aprobou unha encomenda ao Padroado Deportivo Municipal pola que se lle solicita a cesión de catro socorristas para ofrecer o servizo de vixilancia nas praias carballesas durante o verán.

No apartado de mocións, quedaron sobre da mesa unha do PP e outra de TEGA, mentres que se sacou adiante por unanimidade unha proposta de TEGA sobre a Lei de Dependencia. Nesta moción, o Concello insta á Xunta de Galicia, así como ao Goberno de España, a que comprometa as partidas orzamentarias necesarias para que os concellos poidan desenvolver a Lei de Dependencia. O motivo desta petición é a imposibilidade das administracións locais de prestar os servizos derivados desta Lei unicamente cos seus medios.

Compartir: