Inicio Carballo ao día Hemeroteca Cinco espectáculos chegados de Galicia,...

DO 16 AO 30 DE ABRIL DE 2010

Cinco espectáculos chegados de Galicia, Madrid e Cataluña conforman o programa de Primavera enDanza

Sábado 10 de abril do 2010

Primavera enDanza comeza o venres 16 de abril coa Compañía Quique Peón e 'Ovay'. O director, bailarín e intérprete da compañía xa ten visitado Carballo con anterioridade e está moi relacionado coa vila e coa comarca. 'Ovay' representa a viaxe interior dun bailarín e a súa evolución persoal. Tamén dende Galicia chega Uxía P. Vaello con 'Assemblage', o sábado 17. Nesta proposta dúas bailarinas transitan polo espazo a modo dunha viaxe que as enfronta continuamente a unha terceira presenza. Pechando a terna galega está Pisando Ovos, unha compañía que, así mesmo, tamén coñece Carballo e que presenta 'Tres' o sábado 24 de abril. Narra os encontros e desencontros de tres mulleres condicionadas pola súa sexualidade e experiencias persoais. Lendoiro explica que a selección destas tres compañías galegas é unha "representación da situación da danza contemporánea en Galicia".

Dende Madrid chega unha das compañías de danza infantil máis importantes e máis recoñecidas de España. Aracaladanza presenta 'Pequeños Paraísos', un espectáculo premiado nos galardóns MAX 2008 dirixido a todos os públicos. Esta é a única proposta que modifica o horario das 21.00 horas, sendo o venres 23 de abril ás 20.00 horas. Maxia e fantasía coa esencia dos pequenos paraísos inspirados no imaxinario e no mundo subrrealista do pintor O Bosco. E pecha o programa a compañía catalana de Ángels Margarit, CIA Mudances o venres 30 de abril. 'Flexelf' é unha aposta para todos os públicos que nace do corpo e do espazo que se dobra, e que se transforma nunha viaxe con sorpresas e segredos difíciles de descubrir. Ademais dos espectáculos, o programa inclúe varias actividades complementarias, como presentacións en distintos puntos da vila, coloquios para o público despois de cada actuación e talleres.

Hai que destacar o Taller da compañía Quique Peón o martes 13 de abril, no que reflexiona sobre o proceso de creación do seu espectáculo. A cita é a partires das 20.00 horas. A inscrición é gratuita e debe formalizarse nas oficinas do Pazo da Cultura ou chamando ao 981 704 300. Os interesados e interesadas en consultar o programa de Primavera enDanza ao completo, así como as condicións para a venda de bonos e entradas, poden facelo nesta mesma nova descargando o programa en pdf.

Compartir: