Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello promove a reflexión sobre a...

PREMIO DE 1.200 EUROS

O Concello promove a reflexión sobre a lingua co VI Premio a Artigos Xornalísticos Normalizadores

Xoves 8 de abril do 2010

Ao certame pódense presentar artigos xornalísticos inéditos de opinión que traten algún tema concreto relacionado coa situación sociolingüística do noso país, coa defensa e promoción da lingua galega, co seu estatus, co argumentario en defensa do uso do galego, coa lexislación e os dereitos lingüísticos, con experiencias sociolingüísticas concretas, con propostas para o impulso do uso e prestixio social do galego, con experiencias útiles ou favorábeis para a dinamización da lingua, coa política lingüística en xeral ou nalgún ámbito ou situación determinada, etc. Ademais da dotación económica o premio consiste na difusión do artigo nos once medios colaboradores coa iniciativa: A Nosa Terra, A Peneira, Diario de Bergantiños, El Periódico de Bergantiños-Radio Líder, Galicia Hoxe, La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia, Longa Lingua, Tempos Novos, Vieiros e Xornal de Galicia.

Os artigs deben presentarse nun sobre pechado no que non debe constar o nome do autor ou autora. Dentro dese sobre irá outro máis pequeno que levará por fora o título do artigo e o nome do pseudónimo e que levará dentro os datos persoais do participante, incluíndo nome completo, dirección e número de teléfono, así como un breve currículum. O último día para presentar as obras é o luns 3 de maio, tanto no Rexistro (aberto de 10.00 a 13.30 horas) como por correo. Nas cinco edicións anteriores foron premiados/as autores/as como Xurxo Fernández Carballido, Olga Patiño Abeixón, Ana Rodríguez Barreiro, Ramón Vilar Landeira, Miguel Mosquera Fociños, Séchu Sende, Kiko Novoa, Xesús Fraga ou María Pilar García Negro. As bases completas do premio poden consultarse no sitio web do Concello de Carballo (www.carballo.org). Tamén se pode obter máis información no teléfono 981 704 304 ou no enderezo electrónico <normalizador@carballo.org>.

Compartir: