Inicio Carballo ao día Hemeroteca Os Venres Culturais pechan a súa...

DOMINGO 11 DE ABRIL ÁS 18.00 HORAS

Os Venres Culturais pechan a súa programación coa actuación do Mago Rafa no ciclo 'En Familia'

Xoves 8 de abril do 2010

O auditorio do Pazo da Cultura acolle unha aposta centrada no poder de provocar incerteza, de saídas de onde ninguén podería, de cambiar toda lei física só coas mans, de facer dubidar a cativos e maiores da realidade cotiá, pero poñendo un punto de esperanza e ilusión. Esa é a meta final deste espectáculo co que o Mago Rafa busca a participación do público. Rafael Pereira sente desde moi pequeno admiración polos magos que ve na tele, pero a súa verdadeira paixón pola maxia comeza cando ten 12 anos e presencia un espectáculo do Mago Antón ('Merlín e Familia') nas festas do seu barrio. Co paso dos anos aprendeu os seus primeiros xogos de maxia e coincidindo coas festas do San Froilán, o patrón da súa cidade, cruzouse no seu camiño un Mago Bosníaco de nome Sasha, que cando viu o interese de Rafa por facerse meigo, ofreceulle formar parte do Colectivo Máxico Waldemar (Colectivo de Magos Lucenses que se reúnen todos os mércores no Mesón do Forno). Desde ese día a vida de Rafa cambiaría completamente.

En 2001 crea o seu primeiro espectáculo 'Odisea Máxica', que el definía así: "Unha Odisea é unha viaxe sen destino, a Maxia é a creación das ilusións que todos temos na nosa mente e que forman o espectáculo, Odisea Máxica é o principio dunha viaxe ao máis aló, unha viaxe ao descoñecido...". A finais do ano 2004 Rafa crea o seu segundo e terceiro espectáculo 'Momentos Máxicos' e 'Soños Próximos'. 'Momentos Máxicos' ten sido representado por toda Galicia nunhas 500 actuacións con moi boa crítica tanto de prensa como de público. 'Soños Próximos' é un espectáculo de maxia de cerca. No ano 2006 crea a súa proposta máis ambiciosa, onde Rafa aposta pola maxia máis comercial, máis impactante, un grande espectáculo que bautiza co nome de 'A Arte do Imposible'. Con esta cita para os máis cativos e cativas finalizan os Venres Culturais, un programa que ten contado cun total de 20 actividades, con teatro, maxia, concertos e exposicións. Unha programación estable que encheu de propostas as fins de semana entre xaneiro e abril.

Compartir: