Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo participa no Festival Mozart a...

O 22 DE MAIO E O 13 DE XUÑO

Carballo participa no Festival Mozart a través do Festival Express con dous concertos

Venres 9 de abril do 2010

Os nove concellos que participan no Festival Express son As Pontes, Betanzos, Boiro, Carballo, Ferrol, Noia, Ortigueira, Rianxo e Vimianzo. Ponsa quixo subliñar o feito de que "o importante non é que o festival se faga 'en' Carballo, A Coruña ou Betanzos, senón que se fai 'con' estes concellos como parte fundamental do festival" e coa súa "complicidade". En canto ao programa, Ponsa subliñou o labor do Quinteto de Solistas da OSG, pero tamén e especialmente o do Coro dos Nenos Cantores, composto por rapaces de entre 8 e 13 ou 14 anos e que "desenvolven un traballo impresionante", sendo o futuro do coro de adultos. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que acompañou a Ponsa, xunto coa Concelleira de Cultura, Belén Lendoiro, durante a súa visita, agradeceu a presenza do Xerente e o seu interese por coñecer as posibilidades dun concello como Carballo.

Ferrero resaltou a importancia do Festival Mozart, unha proposta "recoñecidísima" e animou aos carballeses e carballesas a que asistan non só ás actividades do festival en Carballo, senón noutros concellos da Coruña, e tamén na capital provincial. En canto ao programa concreto das actuacións en Carballo, é o seguinte:

  • 22 de maio: 'Viento en popa'. O Quinteto de solistas da OSG, Casey Hill no oboe; Juan A. Ferrer no clarinete; David Bushnell coa trompa; Steve Harriswangler no fagot; e Claudia Walker coa frauta, interpreta dous divertimentos de Wolfgang Amadeus Mozart e un quinteto de Claude-Paul Taffanel. No Pazo da Cultura a partires das 21.00 horas.
  • 13 de xuño: 'Niños Cantores'. O Coro de Nenos Cantores da OSG, baixo a dirección de José Luis Vázquez e con Alicia González Permuy ao piano, interpretan dúas pezas de Felix Mendelssohn; unha Antón García Abril, un dos grandes mestres de composición de España; e rematan cunha obra de Benjamin Britten especialmente composta para coro. A cita é na Igrexa de San Xoán Bautista a partires das 21.00 horas.

A visita de Oriol Ponsa concluíu coa reflexión de que os contactos que se teñen feito co Concello poden servir, non só para levar adiante o Festival Express, senón para asentar as bases de posibles colaboracións no futuro. Os interesados e interesadas en obter máis información sobre o Festival Mozart, que se celebra do 8 de maio ao 27 de xuño, poden facelo na súa páxina web, dispoñible nesta mesma nova.

Compartir: