Inicio Carballo ao día Hemeroteca A poboación do Concello de Carballo chega...

BARÓMETRO MUNICIPAL

A poboación do Concello de Carballo chega aos 31.252 veciños e veciñas, cun crecemento de 238 habitantes en 2009

Venres 5 de marzo do 2010

Seguindo cos parámetros da idade dos veciños e veciñas, hai que subliñar que hai no municipio un total de 181 persoas maiores de 91 anos, das que a grande maioría, 129, son mulleres. Ao contrario, entre os menores de 5 anos hai 880 homes fronte a 767 mulleres. En canto ás curiosidades, o barómetro indica que a idade media de baixas por defunción ten acadado por primeira vez os 80 anos en 2009, co conseguinte aumento da esperanza de vida no municipio. En canto a outros datos poboacionais, hai que subliñar que un total de 27 persoas posúen un título superior, mentres que 3.047 teñen dificultades para ler e escribir. En canto ás características da poboación por nacionalidades estranxeiras, no municipio conviven un total de 54, acumulando 802 persoas. Hai que destacar o descenso no colectivo de Uruguai, que, sendo aínda maioría, ten visto reducido o seu número en 42 persoas en 2009, sendo agora 176.

En canto ao número de vivendas ocupadas no municipio, hai un total de 11.201, aumentando no último ano o número de empadroamentos dun habitante, e, especialmente, de dous habitantes. Así mesmo, rexístrase unha diminución dos empadroamentos de tres e catro persoas nunha soa vivenda. En total, existen 2.835 vivendas nas que habitan dúas persoas, cun incremento de 359 rexistros ao longo de 2009. Os datos do barómetro tamén recollen o volume de documentos que se manexaron no Concello durante o pasado ano. O global de entradas e saídas no Rexistro Municipal é de 30.017 documentos, cun aumento dun 0,86 por cen respecto a 2008, e cun incremento dun 20 por cento respecto de 2003, ano en que se fixo o primeiro Barómetro. A esta cifra hai que sumar os datos do Portelo Único, con 6.546 documentos.

En total, en 2009, téñense manexado do Concello carballés máis de 36.500 documentos, dos cales, a maioría son entrada de facturas, con 5.771. Nas saídas, hai que subliñar o descenso na tramitación de licenzas de obra, cunha baixada dun 11,34 por cento en 2009. En canto ao traballo do departamento de contratación, os labores téñense duplicado en 2009 respecto do ano anterior, cunha tramitación de 867 documentos e un 50,78 por cento máis de actividade que en 2008. E a crise tamén se deixa notar na tramitación de documentación, xa que teñen aumentado case nun 50 por cento (un 48,89) as solicitudes que o Departamento de Servizos Sociais tramita respecto da RISGA (Renda de Integración Social de Galicia), destinada aos máis desfavorecidos. En total, en 2009, tramitáronse 268 expedientes.

Compartir: