Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello e o CCA Carballo invitan aos...

A FIN DE SEMANA DO 13 E 14 DE MARZO

O Concello e o CCA Carballo invitan aos veciños e veciñas á Feira das Oportunidades do comercio local

Venres 5 de marzo do 2010

Hai xa un ano e medio que o Concello de Carballo, a través da Concellaría de Promoción Económica que dirixe Xosé Manuel García Guillín, principiou coa elaboración de programas para aproveitar as sinerxías xeradas polos Feiróns da vila, que teñen lugar os quintos domingos de mes en distintos momentos do ano. O obxectivo é o de fortalecer as feiras e mercados e o tecido empresarial carballés. A I Feira das Oportunidades celebrouse o ano pasado coincidindo co Feirón de Primavera, e o éxito da iniciativa, na que tanto público, como organización e comerciantes quedaron satisfeitos, motiva a celebración desta segunda edición. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quixo felicitar ao CCA pola darlle pulo a esta proposta, que contribúe a aproveitar "a importancia do comercio no territorio" e a "poñer en valor a nosa propia rede comercial".

Os 33 stands que formarán parte da Feira das Oportunidades supoñen a ocupación de 600 metros cadrados útiles, a metade da superficie da carpa dispoñible. Está previsto poñer á venda todo tipo de produtos, non só as mellores ofertas de moda tanto no sector téxtil como de calzado, senón tamén coa presenza de establecementos de informática, de mobles ou incluso unha panadería. A actividade coincide o día 14 coa celebración da feira dominical, polo que a organización espera que eso contribúa a que tanto os veciños e veciñas da vila, como os de fóra se animen a facer as súas compras na Feira das Oportunidades, e tamén en todas as tendas da capital municipal. A xerente do CCA, María del Carmen Freire, subliñou a importancia de que só participen comercios da vila, reforzando así o prestixio da feira e a calidade das ofertas, e invitou a todo o público a que desfrute desta oportunidade.

Compartir: