Inicio Carballo ao día Hemeroteca O comercio de Carballo resiste os embates da...

O MUNICIPIO CONTA CON 686 ESTABLECEMENTOS COMERCIAIS

O comercio de Carballo resiste os embates da crise, segundo un estudo do Observatorio da Cámara de Comercio

Xoves 4 de marzo do 2010

O estudo tense elaborado con 202 contactos e 103 entrevistas con comercios minoristas independentes da Costa da Morte, así como con entrevistas en profundidade. A enquisa revela que o 32,53 por cento dos comercios consideran que a crise lles está afectando "pouco", mentres que un 3,86 din que non les está afectando en absoluto. Tamén hai que subliñar que un 45,21 por cen cre que a incidencia da situación económica é "bastante" é un 18,4 cre que "moito". En canto ao perfil dos establecementos comerciais da zona, que aglutinan un 30 por cento do total da actividade económica da Costa da Morte, a maioría céntranse a alimentación tradicional, cun 30 por cen, seguidos do vestido e calzado cun 16 por cento. Despois da vasta compilación de datos, o estudo suxire 24 medidas de actuación, entre as que destacan o aproveitamento de vantaxes competitivas coma o turismo; facilitar o acceso aos créditos bancarios; ou fomentar o asociacionismo, as novas tecnoloxías e a formación.

Precisamente, entre as actividades do Observatorio en 2009 tamén destaca a elaboración dun estudo sobre as necesidades formativas de Carballo e a súa área de influencia. As conclusións reflicten que, a pesares de que máis da metade das empresas teñen realizado actividades formativas nos últimos tres anos, as que non o fan sinalan os problemas de conciliación como unha das principais dificultades para levalas a cabo. A maioría das empresas da zona descoñecen moitos dos recursos existentes neste ámbito, especialmente nos sectores de hostalería e comercio, a pesares de que máis de 200 entidades ofrecen recursos formativos en Bergantiños, Soneira e Fisterra -incluíndo tamén a formación a distancia. Entre os retos de futuro destacan a optimización do uso destes recursos; establecer unha maior cooperación do tecido empresarial; estender o uso das novas tecnoloxías; ou usar a formación para corrixir os desequilibrios existentes no mercado laboral.

Estas conclusións foron presentadas nun acto celebrado no Viveiro de Empresas de Carballo que contou coa asistencia da Vicesecretaria da Cámara de Comercio da Coruña, Carmen Navarro; da responsable da Antena Local da Cámara en Carballo, Vanesa Recarei; do Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; do Concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel García Guillín; e de representantes do tecido asociativo, empresarial e sindical de Carballo e a Costa da Morte.

Compartir: