Inicio Carballo ao día Hemeroteca Adxudicación definitiva da obra de...

XUNTA DE GOBERNO LOCAL

Adxudicación definitiva da obra de 'Urbanización do polígono 27', situado na contorna da rúa Perú

Luns 1 de marzo do 2010

O desenvolvemento desta zona implica a cesión ao Concello dunha parcela de 1.300 metros cadrados para equipamentos. Tamén está prevista a cesión de tres solares edificables que suman 321 metros cadrados. O proxecto de urbanización foi aprobado en novembro de 2009 e desenvólvese entre os propietarios dos terreos e a Administración Local. Segundo recolle o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) vixente, o aproveitamento é de 2,1026 metros cadrados edificables de chan residencial intensivo e vivenda colectiva en mazá por cada metro de solo. A edificación prevista é de baixo e catro plantas e o PXOM tamén recolle que a planta baixa será de uso comercial e os primeiros andares serán dedicados a outro uso distinto do residencial. Como máximo, poderán dedicarse a uso residencial 0,825 metros cadrados por metro.

A Xunta de Goberno tamén supuxo a aprobación, fóra da orde do día, do expediente de contratación para iniciar o proceso para emprender a eliminación de barreiras arquitectónicas no CEIP Fogar da capital municipal. Esta actuación realízase no marco dun Plan de accesibilidade financiado én parte pola Deputación provincial e por un importe aproximado de 190.000 euros. O Concello de Carballo ten previsto un investimento, ao longo do ano 2010, de preto de 600.000 euros en centros de ensino do municipio. Así, o Fondo Estatal para o Emprego e a Sostenibilidade Local 2010 recolle a creación dun pavillón polideportivo cuberto no CEIP Nétoma-Razo, con 284.306,33 euros; o peche do polideportivo do CEIP A Gándara de Sofán, con 39.818,78 euros; e a realización de melloras eléctricas en todos os centros educativos de Infantil e Primaria do Concello por un importe de 62.671,63 euros.

Compartir: