Inicio Carballo ao día Hemeroteca A compañía ceense Talía...

VENRES CULTURAIS

A compañía ceense Talía Teatro representa no escenario do Pazo a obra 'Palabras Encadenadas'

Xoves 25 de febreiro do 2010

O argumento conta a historia dun psicópata e a súa vítima, nun espazo sen posibilidade de fuga aparente, que van descubrindo a súa historia, onde o que é certo e falso pende sempre dun fío. En busca da verdade que os levou a esta situación extrema, o papel de culpable vai de man en man e o que parecía un final previsible transfórmase en inevitable. O xogo das 'Palabras Encadeadas', inicialmente inofensivo, cobra outro cariz, especialmente nesta ocasión, na que se constrúe unha montaxe claustrofóbica e dunha gran realidade. O manexo do suspense e os xiros dramáticos irán sorprendendo ao espectador, levándoo a un lugar onde a liña divisoria entre a verdade e a mentira se dilúen.

A obra, dirixida exclusivamente a un público adulto, ten como punto forte a utilización de recursos tecnolóxicos que dan riqueza a unha proposta actoral cargada de efectos emocionais. O seu autor, Jordi Galceran Ferrer é dramaturgo, guionista e traductor. Internacionalmente coñecido pola súa obra 'O método Grönholm', levada con éxito á grande pantalla, actualmente vive en Nova York e escribe tanto en catalán coma en castelán. En canto ao reparto, tanto Toño Casais como María Ordóñez coñecen ben o escenario carballés. Os dous visitaron o FIOT 2008, experimentando un grande éxito formando parte do elenco de 'E ti, quen vés sendo?', no que tamén estaba Artur Trillo. O actor e director ten pisado, así mesmo, o Pazo da Cultura en numerosas ocasións e tamén é o director da Aula de Teatro de Carballo.

Compartir: